Escoitar

Vigo solicita á Xunta que protexa a Serra e paralice o parque eólico adxudicado no Galiñeiro

A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, presentou no Pleno deste luns unha moción de urxencia ao respecto, pois a Xunta de Galicia adxudicou a instalación duns "vinte muiños de vento" no Galiñeiro, segundo o anteproxecto, ademais dunha instalación subterránea. Socialistas e nacionalistas defenderon, coa negativa do PP, as enerxías renovables como a eólica pero rexeitaron a súa ubicación nesta Serra viguesa.

luns, 7 feb 2011
A moción pide ao goberno de Núñez Feijóo que "proceda coa maior urxencia posible a declarar a Serra do Galiñeiro como zona de especial protección polos seus valores naturais para formar parte da Rede Natura 2000" e por outra banda demanda o goberno local a "paralización do procedemento do novo parque eólico ao non se considerar espazo apto polas súas características naturais para amparar unha instalación industrial".

A edil de Medioambiente defendeu a iniciativa xustificando o alto valor xeolóxico, arqueolóxico, medioambiental, paisaxísitico, cultura e social do Galiñeiro, "como se recoñecen no propio Plan Forestal de Galicia, o cal califica esta Serra como zona de alto valor paisaxístico e de esparcemento da poboación".

A dirección xeral de Industria da Xunta de Galicia, o 20 de decembro de 2010, publicou a relación dos anteproxectos do novo parque eólico, entre os que figura os aproximadamente 20 miuños de vento adxudicados a unha empresa.

Lago explicou que non se opón ás enerxías renovables como a eólica pero puntualizou que a Serra do Galiñeiro non é o lugar óptimo polo impacto visual e paisaxístico que xeraría a instalación industrial ou pola destrucción da hábitat de moitas especies, tal e como afirma o texto aprobado.