Escoitar

Caballero anuncia un "incremento do 25%" nos orzamentos para bolsas de comedor a escolares

O alcalde, tras reunirse coa Federación de Pais e Nais de Alumnos, avanzou que os orzamentos municipais de 2011 recollen "un incremento do 25%" das partidas dirixidas a subvencionar o comedor escolar para os estudantes vigueses que o precisen, acadando os 620.000 euros. Caballero asegurou que o pasado curso o Concello concedeu 1.700 bolsas e esixiu á Xunta de Galicia que acometa as ampliacións de comedores comprometidas para poder incrementar esa cifra.

martes, 2 nov 2010
1288705481foanpa.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe martes "un incremento do 25%" nos orzamentos municipais de 2011 destinados a subvencionar o comedor dos escolares vigueses que o precisen.

En rolda de prensa tras reunirse coa Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (FOANPA), Caballero explicou que no curso pasado o Concello deu 1.724 bolsas de comedor, entre os departamentos de Benestar Social e o de Educación. O convenio coa devandita Federación superaba os 400.000 euros, cifra para estas subvencións que subirá en 2011 a 620.000 euros, un "esforzo monumental da cidade" levado adiante cumprindo un "compromiso que tiñamos asumido".

O alcalde explicou que o Concello non pode conceder todas as becas de comedor debido á falta de espazo nos centros escolares ao efecto, polo que están na lista de espera. Citou Caballero 60 casos no García Barbón, outros 30 na Doblada e no Pombal e máis casos no de Balaídos, centros que comprometera ampliar a Xunta de Galicia fai ano e medio. "Ninguén quedará sen bolsa de comedor" pero puntualizou que "non podemos dar bolsas onde non hai espazo", polo que o alcalde urxiu ao goberno autonómico a acometer as melloras.

Altamar
O primeiro edil aproveitou a devandita rolda de prensa para instar á Xunta de Galicia a "iniciar inmediatamente" a construción do novo colexio Altamar no mesmo terreo que ocupa o actual centro pero con maior edificabilidade, unha "alternativa perfectamente viable" avalada polos técnicos urbanísticos municipais.

O goberno de Núñez Feijóo opta para o Altamar por edificar un novo colexio na zona verde anexa ao Museo Liste, no barrio vigués do Carme, opción rexeitada polo executivo local ao tratarse do "único parque dunha zona densamente poboada". A este respecto, o rexedor adiantou que os veciños do barrio do Carme van iniciar unha recollida de sinaturas para manifestar a súa oposición a facer un edificio nesa zona verde.
Descargar todas as imaxes