Escoitar

Un estudo sitúa a Vigo por enriba da media europea na proximidade ao transporte público e á recollida selectiva de residuos

O alcalde, Abel Caballero, e o Valedor do Cidadá, Luis Espada, presentaron este martes "A accesibilidade aos servizos básicos", un traballo dirixido polo Valedor que analiza as facilidades que ten o cidadá a 300 metros. Con respecto a 2003, Vigo mellora en espazos deportivos, entidades financeiras transporte público e reciclaxe, e os dous últimos indicadores tamén superan a media europea.

martes, 2 nov 2010
1288705400espada.jpg
O estudo "A accesibilidade aos servizos básicos", dirixido polo Valedor do Cidadá e presentado este martes, sitúa a Vigo por enriba da media europea en proximidade do cidadán a paradas de transporte público e a puntos de recollida selectiva de residuos.

O traballo, feito público polo propio Luis Espada co alcalde de Vigo, analizou mediante 1.300 enquisas a porcentaxe de poboación que, nun máximo de 300 metros, conta con servizos básicos, entendendo por estes os parques públicos, espazos sanitarios, paradas de transporte público, escolas de ensinanza obrigatoria, comercios de alimentación, centros cívicos e sociais, puntos de recollida de residuos, entidades financeiras e zonas deportivas.

O resultado destes indicadores foron comparados coa situación viguesa en 2003 e con 40 urbes de 13 países europeos. Con respecto á primeira, Luis Espada explicou que se rexistra unha mellora "sustancial" en puntos de recollida de residuos e en paradas de transporte público e pola contra se experimenta un "descenso acusado" na presenza de comercios de alimentación.

No tocante á comparativa con outros municipios europeos, Vigo rexistra niveis inferiores en parques e espazos públicos e a cidade olívica sitúase á altura destes en servizos sociais e sanitarios, en escolas públicas e na alimentación, onde incluso supera levemente este indicador.

Luis Espada salientou que o grado de satisfacción é maior entre a cidadanía viguesa que vive no rural sobre a urbana, pese a carecer os primeiros na súa cercanía de case todos os servizos básicos estudados, exceptuando os espazos abertos e parques. Esta conclusión extraída no traballo deste ano consolida a percepción do estudo de 2003, apuntou o Valedor.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, agradeceu ao profesor Espada que continúe levando adiante estudos sobre o concello, pois contribúe a ter un coñecemento detallado da situación do municipio. "Tomar decisións ten que vir sempre precedido do coñecemento", indicou Caballero.
Descargar todas as imaxes