Escoitar

Santi Domínguez destaca a calidade e a internacionalidade das 300 curtametraxes da primeira edición do Festival Curtopía

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, presentaron este martes a primeira edición do Festival Internacional de Curtametraxes, Curtopía, que se celebrará en diferentes espazos de Vigo ata o 28 de novembro. Na presentación, na que tamén participou o director do festiva, Alfonso Vázquez, o nacionalista salientou a calidade e a internacionalidade dos 300 traballos presentados ao certame, dos que finalmente foron seleccionados 30 para participar na sección oficial.

martes, 2 nov 2010
1288704933Curtopia.JPG
"Dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Xuventude acertamos cando apostamos por poñer a disposición dos mozos e mozas instrumentos que lles permitan espallar a súa creatividade", afirmou Santi Domínguez. No obxectivo de dar a oportunidade aos rapaces e ás rapazas para que desenvolvan a súa creatividade no eido audiovisual, lembrou o éxito acadado o pasado ano polo festival Vigoaunhaedez, polo que considerou que Curtopía supón un paso adiante nese reto.

O tenente de alcalde indicou que dende hoxe, que comezará o Curtopía Itinerante, poderanse visualizar traballos procedentes de países tan dispares como Portugal, Alemaña, Italia, Bélxica, Rusia, Turquía, Cuba, Arxentina, México, Panamá ou Brasil, entre outros. Para o nacionalista, deste xeito Curtopía tamén cumpre o fin de promocionar Vigo como "cidade na que se da cabida á expresión artística".

Iolanda Veloso asegurou que dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Xuventude "quixemos apostar por un proxecto moi ambicioso que xorde do coñecemento das persoas coas que estamos traballando". Recoñeceu que a calidade dos 300 traballos presentados ao Festival Internacional de Curtametraxes fixo "moi difícil" a selección dos traballos participantes na sección oficial, polo que se celebrarán mostras temáticas nas que poderanse ver a totalidade das obras. Ao respecto explicou que Curtopía é un festival itinerante no que tamén ten cabida a formación mediante a proxección de curtas en centros de ensino e a celebración de obradoiros. "Ao longo deste mes teremos en Vigo multitude de actividades para facer visible as creacións da mocidade", afirmou.

"Curtopía é unha illa que emerxe, que comezou sendo unha idea e foi medrando co tempo grazas á Tenencia de Alcaldía e á Concellería de Xuventude", manifestou o director do festival. Deu conta do "complexo programa" e indicou que a sección oficial desenvolverase os días 12, 15, 19, 22 e 26 de novembro en dous espazos, o Cine Salesianos e as instalacións da asociación Abertal, nos que poderanse ver as creacións de videoclips, ficción e documental elixidas.

Ademais da oficial, o festival organízase arredor de catro eixos, como son Curtopía Ficción, Curtopía Documental, Curtopía Videoclip e Curtopía Educación, que terán lugar noutros espazos da cidade como o auditorio do Marco, a Casa Galega da Cultura, ou o Auditorio Municipal, entre outros. Respecto aos obradoiros, o director de Curtopía sinalou que a oferta formativa irá dirixida tanto a profesionais do sector como aos mozos e mozas que se achegan por primeira vez a creación audiovisual.

Finalmente, Alfonso Vázquez comentou que Curtopía constará de tres galas no cine Salesainos: a de apertura, que se celebrará o venres 12 de novembro a partir das 21 horas, na que se estreará a curta de Álvaro Sanz "Nieve de primavera", e a proxección de "Naipe de sangue", coa actuación de Silvia Superstar e Eladio Santos en director. A segunda gala será o día 19 incluirá a proxección da curtametraxe de Ramiro Ledo "O proceso de Artaud" e a estrea do videoclip de Puto Coke. A gala de clausura celebrarase o día 26, contará coa participación do director recentemente galardoado en Cannes Oliver Laxe, e ademais da entrega de premios terá lugar a proxección das curtas gañadoras.
Descargar todas as imaxes