Escoitar

"Lela anda en bicicleta" abre o programa de teatro previsto nos actos do Bicentenario

O Auditorio da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) acolleu na mañá deste venres a primeira das obras de teatro que están a levar á escena os alumnos e membros de Navia de Espectáculos. Á primeira escenificación, que no caso desta obra concreta está dirixida a escolares da cidade, asistiu o concelleiro socialista Xulio Calviño. Os días 12 e 26 de novembro rapaces de distintos colexios volverán a gozar con esta adaptación dunha peza de Carlos Casares.

venres, 29 out 2010
1288353526lelabicicleta.jpg
Os alumnos da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) abriron neste venres a ronda de representacións organizadas con motivo do Bicentenario. A primeira destas obras "Lela anda en bicicleta", está dirixida a escolares e tivo lugar a partir das 10:00 horas no auditorio da Escola.

As seguintes citas para que os escolares poidan asistir a adaptación da obra de Carlos Casares, "Lolo anda en bicicleta", serán os días 12 e o 26 de novembro. O espectáculo "Lela anda en bicicleta" creouse a partir do conto de Casares para poñer en valor a capacidade de xogo, de autoaprendizaxe e de superación das propias limitacións, valores reflectidos na figura do protagonista. Pero ademais os días 5 e 19 de novembro, a partir neste caso das 20:00 horas, o público en xeral poderá asistir a representación da obra "Sen Título. Técnica mixta sobre linóleo negro" de Eva Freixeira Ferreira.

Navia de espectáculos é o nome da compañía de teatro da ESAD, unha compañía que ten entre os seus obxectivos dar a coñecer os traballos dos alumnos, todos eles cunha dimensión educativa, nacidos de procesos de ensinanza e aprendizaxe que se levan adiante na propia escola.

FESTIVAL FOLCLÓRICO
Por outra banda, o Festival Folclórico previsto na Praza do Bicentenario para este sábado 30 de outubro pasará a ter lugar o sábado 6 de novembro. A celebración comezará as 17 horas coa participación de agrupacións como Tangaraño, Froles Novas, Os ventos de Comesaña, Traspés, Escola Municipal de Danza e Percusión Tradicional, Semente da arte galega, Corisco, Atlántida de Matamá, O Fiadeiro, Andarela, Lembranzas Galegas e A Buxaina.

Haberá unha carpa instalada nos xardíns de Blein Budiño, fronte á Praza, para a degustación de comida típica galega.
Descargar todas as imaxes