Escoitar

Caballero subliña na clausura do obradoiro Vigo Ornamental que "todos os esforzos teñen que centrarse no emprego"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a delegada da Xunta de Galicia na cidade, Lucía Molares, clausuraron este xoves o obradoiro de emprego Vigo Ornamental, no que trinta persoas recibiron cualificación profesional en albanelería, carpintería e fontanería. Caballero eloxiou a nova beirarrúa da Avenida de Europa, construida polos alumnos do Vigo Ornamental, así como a adecuación de Mestres Goldar para escola infantil municipal.

xoves, 28 out 2010
1288269568Vigornamental.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, subliñou este xoves que "todos os esforzos teñen que centrarse no emprego", no acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Vigo Ornamental.

Caballero indicou ante os alumnos, tras completar un ano de aprendizaxe teórico-práctica, que a "formación cualificada" permite dar "un pouco de luz" á actual situación laboral, o que "non é un tema menor", e garantiu que "as nosas portas seguirán abertas" para apoialos na consecución dun posto de traballo.

O obxectivo desta iniciativa era formar a alumnos e alumnas nos coñecementos e as destrezas de cada especialidade -albanelería, carpintería metálica e PVC, e fontanería solar e térmica-, formación teórica e práctica que incrementa as súas posibilidades de acceder ao mercado laboral.

A clausura do obradoiro, promovido polo Concello e cofinanciado coa Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, contou coa presenza do concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Santos Héctor, e coa delegada do goberno autonómico na cidade, Lucía Molares. A representante autonómica afirmou que o emprego é unha "absoluta prioridade" para o executivo galego e eloxiou particularmente a presenza de mulleres desempeñando oficios tradicionalmente copados por homes.

O traballo dos participantes ten o seu reflexo en Vigo, pois adecuaron Mestres Goldar para a futura escola infantil municipal -na que o Concello inviste 200.000 euros- e realizaron a beirarrúa da Avenida de Europa, "emblema" e "gran demanda" da cidade, aseverou Caballero, que permite acceder a Samil camiñando.
Descargar todas as imaxes