Escoitar

Decenas de rapaces descobren a nova escultura conmemorativa do Bicentenario da Cidade

O alcalde de Vigo, membros da Corporación e distintas personalidades da cidade asistiron este mércores á inauguración da nova Praza do Bicentenario, fronte á Praza do Rei, descoberta por estudantes do colexio Josefa Alonso de Matamá. O artista, Silverio Rivas, esculpíu en aceiro a torre e o olivo da cidade, que incorpora en cada póla "o nome das 23 parroquias que conforman a cidade". Abel Caballero eloxiou a "peza única" e indicou que esta recolle o carácter vigués: "sabemos de onde vimos, onde estamos e onde imos".

mércores, 27 out 2010
1288183745rotonda.jpg
Decenas de nenos e nenas do colexio Josefa Alonso de Matamá retiraron a lona que cubría a nova escultura da Praza do Bicentenario, inaugurada este mércores, 27 de outubro, día central da conmemoración, coa presenza do alcalde, da Corporación e de distintas personalidades relevantes da cidade.

A nova praza, localizada fronte á Praza do Rei, na confluencia de Blein Budiño, Venezuela e Camelias, incorpora sobre unha fonte a escultura de aceiro inoxidable -"como eloxio á luminosidade da Ría"- obra de Silverio Rivas, de case sete metros de altitude e oito mil quilogramos de peso. Esta peza simboliza a torre e o olivo presentes na heráldica viguesa e incorpora en cada póla "o nome das 23 parroquias que conforman a cidade", explicou o autor.

"Esta incorporación cumpre unha dobre función", asegurou Rivas. "Por unha banda simboliza o recoñecemento ao esforzo colectivo de toda a cidadanía na construcción de Vigo e, por outra, persegue que o texto calado nas diferentes láminas ou ramas que dan forma a esta Oliveira se aproxime ao efecto que produce a árbore no seu estado de floración, que como todos sabemos é delicado e sutil".

O alcalde, Abel Caballero, afirmou que "esta escultura simboliza de onde vimos, onde estamos e onde queremos ir", pois introduce no seu concepto o "carácter" da cidadanía viguesa. O primeiro edil recoñeceu a "peza única" elaborada por Silverio Rivas para conmemorar o Bicentenario da Cidade de Vigo.

A apertura simbólica desta nova praza foi amenizada antes e despois do descobremento da escultura polo grupo Troula, que trasladou o ambiente festivo e lúdico ao numeroso público asistente ao evento.
Descargar todas as imaxes