Escoitar

Caballero clausurará o día 17 unhas xornadas sobre emprego e medioambiente do proxecto Vigo Medio Natural

O vindeiro venres o alcalde de Vigo pechará o acto que se celebrará no Auditorio de Caixanova desde as 09:30 da mañá. A xornada sobre emprego e medioambiente, promovida pola Concellería de Promoción Económica, Emprego e Participación Cidadá, organízase para difundir os resultados do proxecto Vigo Medio natural, impulsado polo Ministerio de Medioambiente e a Fundación Biodiversidad

mércores, 15 set 2010
A xornada dará a coñecer todas as posibilidades deste proxecto, Vigo Medio Natural, que está financiado polo Fondo Social Europeo e que nace para a mellora do emprego e do medio. O seu obxectivo é fomentar a conservación e o respecto do medio para mellorar a empregabilidade de distintos grupos de poboación, especialmente os relacionados cos montes periurbans de Vigo.

Vigo Medio Natural comprende o desenvolvemento de varias accións, coma son a formación de traballadores en activo, o asesoramento ambiental a pemes e procesos de mellora ambiental, unha campaña de difusión de Manuais de Boas Prácticas Ambientais, unha guía para adaptar as actividades empresariais de Vigo á normativa ambiental, un Estudio sobre novos perfís profesionais necesarios no sector ambiental de Vigo, a Creación dun Observatorio sobre emprego e medioambiente e as xornadas sobre emprego e medioambiente que será clausurada polo rexedor vigués.

Na formación de traballadores en activo o obxectivo exposto era formar a 80 traballadores de pemes, micropemes e autónomos. Actualmente leváronse a cabo 3 cursos, con dúas edicións, unha en 2009 e outra en 2010, nas que participaron un total de 60 alumnos. 24 traballadores no curso de "Educador Ambiental", 18 no de "Traballador Forestal" e outros tantos no "Monitor de actividades deportivas en espazos naturais". Actualmente estase a desenvolver o curso de "Prevención de Riscos Laborais no sector agroforestal", de 170 horas, que comezou o venres 10 de setembro e terminará o 20 de outubro, cunha afluencia de 30 alumnos.

No que respecta ao asesoramento ambiental superouse o obxectivo inicial de asesorar a 600 traballadores de 50 empresas que fosen pemes, micropemes ou autónomos. Xa foron asesorados 690 traballadores de 52 empresas en temas relacionados coa xestión de residuos, adecuación á normativa ambiental, eficiencia enerxética, consumo responsable, compras verdes, así como Sistemas de Xestión Ambiental.

Os sectores empresariais con maior representación no servizo de asesoramento son o da Construcción, con 153 traballadores asesorados, Talleres, con 144, Supermercados, con 114
traballadores e Perruquerías e Padarías, con 65 traballadores de cada sector.

Na campaña de difusión están xa entregados 4.000 manuais de boas prácticas ambientais elaborados para sectores con ampla representación de pemes e micropemes en Vigo coma Artes Gráficas, Comercio ou Construcción, entre outras.

Pola súa banda, o estudio sobre novos perfís profesionais propúxose co obxectivo de coñecer as necesidades de novos perfís profesionais para a xestión, promoción, conservación e preservación do medio, no sector ambiental de Vigo, con especial atención a aqueles que puideran ser cubertos por mulleres, persoas maiores de 45 anos, con baixa cualificación ou traballadores/as do sector ambiental.

A creación do Observatorio busca ademais aportar información relativa ao emprego e o medio a través dun boletín trimestral de noticias e eventos relacionados, cun primeiro boletín xa enviado en xullo de 2010, e co segundo a piques de ser publicado.