Escoitar

A Oficina Municipal de Voluntariado programa para outono cursos e obradoiros gratuitos de formación de voluntarios

A OMV, dependente da Concellería de Participación Cidadá que dirixe o socialista Santos Héctor, oferta para o periodo setembro-decembro deste ano obradoiros e cursos de formación básica e específica, entre os que se inclúen risoterapia e relaxación, servizos sociais ou primeiros auxilios, entre outros. As actividades son gratuitas e con prazas limitadas, e as persoas inscritas na Oficina Municipal de Voluntariado terán preferencia.

martes, 14 set 2010
1284466130OMV.jpg
A Oficina Municipal de Voluntariado do Concello, dependente da Concellería de Participación Cidadá que dirixe Santos Héctor, ten programado para o último cuadrimestre do ano cursos e obradoiros gratuitos de formación básica e específica para voluntarios.

O departamento municipal propón unha completa oferta de formación, complementada con xuntanzas de coordinación, que abrangue da risoterapia e a relaxación aos servizos sociais ou os primeiros auxilios; cursos que terán lugar no Centro Cívico do Casco Vello, todos eles gratuitos e con prazas limitadas, polo que aqueles presentes na OMV terán preferencia na inscripción.

As actividades darán comezo o vindeiro martes, 21 de setembro ás 19 horas, cunha xuntanza de persoas voluntarias no Centro Cívico do Casco Vello vigués, para o que non é preciso inscripción previa.

En segundo lugar, e para os non iniciados na materia, a Oficina abre un curso de iniciación ao voluntariado, de sete horas de duración, a celebrarse o 13 e 14 de outubro, co obxectivo de que os participantes teñan unha idea clara dos seus dereitos e deberes como voluntarios e coñezan as características desta laboura solidaria. A data límite de inscripción é o 1 de outubro.

Os que xa conten co curso de iniciación ao voluntariado, ou acrediten ter recibido unha formación básica ao respecto, poderán optar aos restantes cursos e obradoiros previstos para este outono pola OMV.

O 28, 29 e 30 de setembro inicíase a formación específica co curso básico de primeiros auxilios, de nove horas de duración, e que abordará contidos a clasificación e actitude ante as hemorraxias, o shock, feridas e queimaduras, trastornos producidos por frío e calor, afogamento, traumatismos, corpos extraños, parada cardiorrespiratoria e teléfonos máis usuais dependendo da emerxencia. A data límite para apuntarse é o 23 de setembro.

O curso de habilidades e ferramentas das persoas voluntarias será o 19, 20 e 21 de outubro, previa inscripción antes do 15 do mesmo mes, e abordará como temas nas nove horas de duración as habilidades sociais, as técnicas de comunicación e o traballo en equipo.

O obradoiro de risoterapia e relaxación impartirase os días 2, 8, 15, 22 e 29 de novembro, cunha duración total de 10 horas, cos contidos sobre a risa e o sentido do humor, a respiración abdominal, a empatía, o agradecemento e o uso axeitado do humor, entre outros campos. A data límite para anotarse remata o 15 de outubro.

A última actividade será un curso de voluntariado en servizos sociais de nove horas, a desenvolverse o 16, 17 e 18 de novembro, no que afondarase en temas como o acompañamento a persoas maiores ou o apoio escolar entre outras.

Os interesados poden solicitar máis información sobre a inscripción ou a Oficina no teléfono 986 810 213 ou na dirección de correo electrónico ofi.voluntariado@vigo.org
Descargar todas as imaxes