Escoitar

O alcalde estima que 3.000 vigueses evitarán Pontevedra coa futura aula da UNED no Casco Vello de Vigo

Abel Caballero informou este luns da solicitude cursada polo Concello ao padroado da UNED, e validada hoxe polo goberno local, para a creación dun aula de ensinanza superior da UNED en Vigo. O alcalde confía en que a xunta reitora da Universidade a Distancia valide a solicitude viguesa esta semana e o espazo poida funcionar este mesmo curso. O custo dun aula da UNED en Vigo ascende a uns 150.000 euros, sufragados unicamente polo Concello.

luns, 13 set 2010
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou hoxe luns que uns 3.000 vigueses poderán evitar Pontevedra e beneficiarse da futura aula da UNED no Casco Vello de Vigo.

O goberno local ratificou solicitar á Universidade a validación do aula de ensinanza superior de Vigo, unha sede municipal próxima á Concatedral viguesa. O alcalde agarda que a Xunta Reitora da UNED, a celebrarse o vindeiro mércores, deu o seu visto á petición e poida comezar a operar este mesmo curso académico.

"A UNED ten un enorme interese en atender á solicitude do alcalde de Vigo", apuntou o propio Abel Caballero, quen mantivo sendas reunións con responsables da Universidade para "acelerar todos os trámites" cara a implantación este curso en Vigo desta "demandada" dotación educativa na cidade.

O alcalde reclamou a colaboración económica da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia neste asunto, que terá un custo inicial duns 150.000 euros, segundo estimou Caballero, 60.000 pola instalación e uns 90.000 de mantemento. Ata o momento, o goberno local sufraga exclusivamente o importe derivado da presencia da UNED na primeira cidade de Galicia.