Escoitar

Mañá xoves saen á venda as entradas para o concerto que Serrat ofrecerá no auditorio de Castrelos o 22 de xullo

As entradas para asistir ao concerto de Joan Manuel Serrat, que terá lugar no auditorio de Castrelos o vindeiro 22 de xullo ás 23 horas, saen mañá á venda. Segundo anunciou o concelleiro de Cultura, Xesus López, poñeranse á venda 1.500 entradas, a un prezo de 10 euros na venda anticipada e 12 euros o mesmo día da actuación. Poderanse mercar en www.servinova.com, no teléfono 902 504 500 e na Central de Espectáculos (rúa Velázquez Moreno).

mércores, 9 xuñ 2010
Neste concerto, que se enmarca no programa das Festas de Vigo 2010, o artista catalán presentará o seu último traballo "Hijo de la luz y de la sombra", no que pon música a poemas de Miguel Hernández no centenario do seu nacemento. Este novo traballo complementa o anterior LP adicado ao poeta de Orihuela, publicado en 1972. "Hijo de la luz y de la sombra" arranca cun tema cheo de forza, "Uno de aquellos", adicado á brigada Lincoln, e remata coa canción que da título ao disco, que Miguel Hernández adicou a un dos seus fillos, que morreu ao pouco de nacer.

A actuación contará cun sistema de son que alcanzará os 100.000 watios de potencia, mentres que o equipo de luz será de 200.000 watios. Estará apoiado con pantallas nas que se proxectarán audiovisuais relacionados cos temas, realizados por prestixiosos directores de cine. Ademais, Serrat estará acompañado por seis músicos, baixo a dirección ao piano do mestre Ricard Miralles.

Este concerto súmase as actuacións xa pechadas da programación das Festas de Vigo 2010, que inclúe o concerto de Norah Jones o 14 de xullo; Patti Smith o 18 de xullo; Public Enemy o 5 de agosto, e David Bisbal o 7 de agosto.