Escoitar

A programación de Nadal comezará cun concerto gratuíto de Xosé Manuel Budiño o vindeiro venres na Porta do Sol

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Xesus López, presentaron este martes a programación de Nadal, que comezará o vindeiro venres, 4 de decembro, co acendido do alumeado ás 18 horas e un concerto gratuíto do gaiteiro Xosé Manuel Budiño ás 20 horas na "renovada" Porta do Sol. O tenente de alcalde asegurou que deste xeito se reincorpora o Casco Vello ás festas do Nadal cun broche de ouro como remate da primeira fase da súa remodelación, polo que este espazo se incorpora tamén ás iniciativas dirixidas aos máis pequenos, como o "Benvido Nadal" e "O Nadal na Porta do Sol".

martes, 1 dec 2009
1259676444nadalcultura.jpg
Santi Domínguez destacou que a "aposta firme" dende as áreas coordinadas pola Tenencia de Alcaldía de facer un "traballo para a xente" se materializa nestas datas, "propicias para que todos os vigueses e viguesas poidan gozar dos momentos de encontro e lecer". Afirmou que para acadar este obxectivo a programación de Nadal inclúe actividades para todos os públicos e para todas as idades, pero prestando especial atención aos nenos e nenas "porque eles son os transmisores da maxia e a ilusión".

Asemade, destacou que se programan actividades abertas para todo o público. Neste sentido, e en resposta aos medios, sinalou que o orzamento é similar ao do ano pasado, arredor de 300.000 euros. Sen embargo, salientou que hai máis actividades. "Aproveitamos mellor os recursos e a coordinación para ofrecer máis actividades sen incrementar o orzamento", explicou. O nacionalista indicou que "estamos satisfeitos da programación, porque pensamos que é suficientemente ampla e axudará a que todos e todas vivamos dun xeito máis alegre estas festas".
Segundo explicou o concelleiro de Cultura, Xesus López, a programación de Nadal é un amplo programa que se desenvolve tendo en conta os barrios e as parroquias, así como as zonas comerciais, co obxectivo de dinamizar o comercio da cidade. Na súa intervención, deu conta das distintas iniciativas que se van celebrar na cidade para nenos e nenas, que comezará coa convocatoria do concurso "Vente cos Reis Magos". O prazo de inscrición será do 10 ao 18 de decembro no buzón do Carteiro Real da Casa do Concello e nos Centros Cívicos de Teis, Casco Vello, Coruxo e Saiáns. O sorteo será o 22 de decembro, ás 12 horas na Casa do Concello.

Do 26 de decembro ao 4 de xaneiro, o Carteiro Real percorrerá os barrios e as parroquias de Vigo, e os días 2, 3 e 4 de xaneiro os pasarrúas do Carteiro percorrerán distintas zonas comerciais de Vigo. Xesus López tamén fixo referenza a outros programas dirixidos aos rapaces e rapazas, como o "Ciclobibliotecas", sesión de contacontos nas ludotecas; o "Quiriquiquí", que inclúe proxeccións de dvd's con cantigas de Nadal e animación que se desenvolverán nas instalacións de asociacións veciñais, os multicines Yelmo e a Porta do Sol.

O programa "Benvido Nadal", que inclúe parques de xogos con inflables e decoración de Nadal, terá lugar na Praza do Rei e este ano amplíase tamén á Porta do Sol. Desenvolverase do 21 de decembro ao 6 de xaneiro de 12 a 14 horas e de 16 a 20 horas, agás os días 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro, só en horario de tarde. Tamén como novidade está programado "O Nadal na Porta do Sol", que comezará o 4 de decembro e posteriormente do 20 ao 30 de decembro acollerá actividades diversas, dende concertos a actuacións de monicreques, contacontos e obradoiros.

A "Carpa máxica do Nadal", pola súa banda, estará instalada na Praza do Rei do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro en horario de 17 a 19 horas. Nela os nenos e nenas poderán participar en obradoiros, distribuídos por idades, e actuacións. Vigolandia desenvolverase no Ifevi, como xa vén sendo tradicional, entre os días 26 e 30 de decembro. Inclúe diversas zonas, segundo as idades, e diversos espectáculos no auditorio do recinto feiral ás 18 horas. Asemade, haberá "Cine para nenos", nos multicines Yelmo do 28 ao 30 de decembro e os días 4 e 5 de xaneiro. Para participar, o concelleiro de Cultura apuntou que se poden recoller as entradas na Concellería de Normalización Lingüística e en Radio Vigo.

Respecto ao apartado musical, o edil do BNG sinalou que o Concerto de Nadal estará adicado a Rey Rivero e que terá lugar o 28 de decembro ás 20.30 horas no teatro do Centro Cultural Caixanova. Asemade, indicou que están programados concertos de bandas e corais en distintos escenarios, como o auditorio do Martín Códax, ás escalinatas do Marco e as instalacións das asociacións veciñais e culturais da cidade. Pero haberá tamén música tradicional galega na rúa e nas zonas comerciais da cidade. Neste sentido salientou como novidade o programa de Ranchos dos Reis nas rúas, que percorrerán zonas peonís e prazas de Vigo.

O concelleiro de Cultura indicou outras actividades que tamén se celebrarán no marco da programación de Nadal, como son a festa do Servizo de Axuda a Domicilio o 10 de decembro; a festa de Avellentamento Activo o 17 de decembro; a tradicional festa de Fin de Ano nas Travesas e a Carreira de San Silvestr, o 31 de decembro. Como colofón a estas actividades, Xesus López fixo referenza ás actividades do 5 de xaneiro, que inclúen a visita das SS MM os Reis Magos aos centros socioasistenciais e hospitalarios, a festa infantil de benvida aos Reis Magos, que terá lugar na praza do Rei, e a Cabalgata, que partirá da dende a rúa Venezuela á praza de América. Sinalou que baixo a temática do Bicentenario de Vigo, participarán 13 carrozas e 18 grupos de animación.
1259676444nadalcultura.jpg
1259676494programacionnadal09.jpg
Descargar todas as imaxes