Escoitar

O goberno local grava ás empresas de telefonía móbil con 1,4 millóns, que repercutirán no "aforro" dos vigueses

Coa oposición do Partido Popular, o Pleno do Concello ratificou este luns a nova taxa ás empresas de telefonía móbil polo uso do dominio público local, equiparando a súa situación ás da telefonía fixa. A concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, asegurou que este novo ingreso -adoptado noutras localidades- redundará na cidadanía co descenso do 0,2% dos impostos municipais para 2010, xa aprobado.

luns, 30 nov 2009
O goberno local ratificou este xoves definitivamente no Pleno da Corporación a creación dunha nova taxa ás empresas de telefonía móbil polo uso do dominio público local, un novo imposto que permitirá o ingreso de 1,4 millóns de euros nas arcas municipais que redundarán no "aforro" da cidadanía viguesa.

Segundo informou a concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, a instauración desta nova taxa equipara a situación das compañías de telefonía móbil coas de fixa, que xa abonan un imposto pola mesma causa, e sitúa a Vigo no mesmo plano que outras cidades como Madrid, onde xa é efectiva desde fai dous anos.

A socialista recordou asemade distintas sentencias de xulgados contenciosos-administrativos e do Supremo que rexeitaron alegacións presentadas polas compañías -tamén o fixeron en Vigo- xa que a súa razón e a ocupación do dominio público local constitúe unha actividade taxable.

A edil de Economía incidiu en que os 1,4 millóns de euros que recadará o Concello por mor da nova taxa repercutirán no "aforro" da cidadanía viguesa, pois a cantidade equivale ao que deixarán de pagar os vigueses en 2010 co descenso do 0,2% dos impostos municipais aprobado polo goberno local para o próximo ano.

A oposición votou en contra da aprobación definitiva deste novo imposto estimando que o goberno non reparte entre a cidadanía os 1,4 millóns que prevé ingresar, pois o 0,2% de reducción non se corresponde á cifra. Pola contra, o PP de Vigo propuxo ao goberno local unha baixada dun 2,8% nos impostos municipais para acadalo.

En canto o capitulo de mocións aprobouse, por unanimidade, a referida as caixas de aforro, no senso de instar ao Parlamento de Galicia a que aprobe unha lei reguladora das caixas de aforro galegas e insta á Xunta para que os centros de decisión destas caixas se manteñan en Galicia.

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, defendeu unha moción, que se aprobou por unanimidade, na que se insta á Xunta o desenvolvemento do proxecto de remodelación das pistas de atletismo de Balaidos. A moción recolle que a remodelación que se acometa dea resposta a dúas necesidades básicas: a práctica, adestramento e formación de todas as disciplinas do atletismo e que as pistas sexan as apropiadas com referencia de competicións internacionais.

Laura López Atrio, concelleira de Educación, defendeu unha moción na que se solicita medidas para o ensino das persoas xordas. Neste senso ínstase á Conselleira de Educación da Xunta para que elabore os decretos que permitan desenvolver a lei 27/2007; desenvolvemento de accións formativas e de orientación para que o profesorado dispoña de recursos e ferramentas que faciliten o seu labor docente cando teña alumnado xordo e por a disposición do alumnado xordo de espazos docentes nos que se use a lingua de signos como medios de acceso ós contidos académicos.

O grupo municipal do Partido Popular presentou varias mocións , das que o pleno da Corporación aprobou na que se insta ó Ministerio de Fomento unha solución para os veciños de Teis afectados polas expropiacións do AVE. Outra insta ao alcalde a entrega ós grupos municipais copia da documentación existente relacionada coa Biblioteca Pública do Estado en Vigo. Outra moción presentada polo populares , e aprobada por unanimidade, fai referencia á elaboración e creación dunha guía urbana accesible destinada ás persoas con mobilidade reducida. Por último o
grupo municipal Popular solicitou ao pleno que se inste ó Goberno central o arranxo da A52.