Escoitar

Núñez Feijóo compromete ante o alcalde a licitación conxunta este ano de proxecto e obra do novo hospital

Abel Caballero recibiu este mércores ao presidente da Xunta de Galicia na súa primeira visita institucional á cidade olívica. Xunto ao impulso dado ao hospital, alcalde e presidente acordaron "buscar fórmulas" para a financiación e construcción da nova depuradora e incluir o camiño portugués -que pasa tamén por Vigo- nas celebracións do Xacobeo.

mércores, 22 xul 2009
1248266915reunionfeijoo1.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, mantiveron este mércores a primeira entrevista bilateral no Concello, reunión na que comprometeuse a licitación conxunta do proxecto e a obra do novo hospital de Vigo antes de que remate este ano.

En declaracións conxuntas aos medios, o alcalde ve un "horizonte esperanzador" da "folla de ruta" autonómica para a construcción do hospital. A licitación conxunta responde á necesidade de evitar dilacións en política sanitaria, e o investimento de 300 millóns de euros na infraestrutura será a maior da Xunta en Galicia para este ano, segundo apuntou Feijóo.

Segundo afirmou o presidente autonómico, a Consellería de Facenda está a buscar a fórmula de financiación para a edificación do novo hospital de Vigo. Por outra banda, o proxecto elaborado polo anterior goberno da Xunta está na última fase da súa avaliación para "dimensionar axeitadamente" o mesmo, indicou Feijóo.

No tocante á area sanitaria máis ampla de Galicia, que inclúe a 650.000 persoas, a Xunta conta en Vigo con proxectos en marcha para tres centros de saúde: un novo en Navia, que iniciarase a súa construcción ao remate deste verán; a reforma do centro de Lavadores, que será licitado "en próximas semanas"; e outro máis en Bouzas, en fase de redacción. En total, cinco millóns de euros de investimento para centros de saúde en Vigo.

Tras o saúdo á Corporación e a reunión cos voceiros dos grupos municipais, Abel Caballero e Núñez Feijóo, desde a "lealdade e o diálogo permanente", segundo coincidiron ambos, pasaron revisión principalmente ás tres competenciais prioritarias da Xunta en Vigo, a área metropolitana, a depuradora e o novo hospital, que quedaron desbloqueadas.

Depuradora
O alcalde e o presidente abordaron tamén a construcción da nova depuradora viguesa, e comprometéronse en traballar conxuntamente para acadar un acordo entre o Concello de Vigo, a Xunta de Galicia, e o Goberno de España para dar saída ao "problema financeiro" existente.

Segundo manifestaron, "estamos máis cerca" do acordo financeiro, unha vez as proporcións están establecidas entre as partes nas que o Concello ofrece o solo e os gobernos autonómico e estatal cofinancian a obra. Núñez Feijóo aborda ademais a posibilidade de recibir os fondos europeos do Ministerio e acometer directamente a construcción.

Camiño portugués
Tal e como informou o presidente da Xunta ao alcalde de Vigo, a Consellería de Cultura adoptou onte martes a decisión de incluir o camiño portugués, que pasa por concellos do baixo Miño e por Vigo, dentro das celebracións do Xacobeo e na programación do Camiño de Santiago. Núñez Feijóo salientou que "Vigo non pode quedar ao marxe da Xacobeo".
Descargar todas as imaxes