Escoitar

O público poderá acceder desde hoxe martes á colección do Arquivo Pacheco a través dunha exposición dixital

Desde hoxe martes, os fondos do Arquivo Pacheco están a disposición de todos os vigueses e viguesas a través dunha exposición dixital á que se pode ter acceso na súa sede da Casa das Artes. O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou que será a primeira vez que a cidadanía vai poder ver a analizar a colección a través das diferentes temáticas. "Hoxe se cumple unha vella demanda da cidade, que reclamaba que este tesouro non se perdera. Non só fixemos que non se perda, senon que estamos facendo que ser revaloralice", asegurou.

martes, 21 xul 2009
1248180222pacheco.JPG
O nacionalista fixo fincapé en que "con esta iniciativa imos poñer realmente en valor o Arquivo Pacheco, que representa unha parte moi importante da nosa historia como cidade". Santi Domínguez comprobara previamente, xunto ao concelleiro de Cultura, Xesus López, o sistema de consulta das imaxes dixitalizadas. A través dun monitor pódese acceder ás diferentes temáticas e contemplar imaxes da vida cotiá, retratos, actividades deportivas, eventos sociais ou visitas de persoeiros destacados, entre outros.

O tenente de alcalde explicou que o Arquivo estará aberto a todas aquelas persoas que desenvolven tarefas de investigación en diferentes campos, pero tamén para calquer cidadá ou cidadán que teñan interese por coñecer os fondos ou incluso buscar neles algunha referenza do seu pasado. A este respecto explicou que "tamén imos pedirlles que colaboren con nós, que nos axuden na documentación do arquivo".

Na actualidade están xa dixitalizadas máis de 50.000 fotografías dos fondos do Arquivo. O proceso de recuperación continuará ata culminar o proceso de dixitalización de todos os fondos. Estímase que hai 100.000 imáxenes que se poden tratar.

O tenente de alcalde sinalou que cando asumiron o Goberno hai dous anos o Arquivo Pacheco estaba pechado. "Nós empezamos a traballar desde o primeiro día para que non se perdese", asegurou. Na actualidade hai catro persoas traballando no arquivo, tanto en tarefas de conservación, como de catalogación e documentación. Desde hoxe tamén haberá un servizo de atención ao público.

O concelleiro de Cultura, Xesus López, explicou que cando chegou atopouse con que o anterior responsable de Cultura "iniciara a desmantelación do Arquivo Pacheco". O nacionalista explicou todos os pasos que se deron neste tempo para reconducir esa situación e facer que finalmente "hoxe abre con carácter definitivo para que toda a cidadanía teña a oportunidade de contemplar unha parte fundamental da nosa historia".

Santi Domínguez avanzou tamén que a apertura ao público do Arquivo Pacheco é o primeiro paso dun proxecto que culminará coa apertura do Museo da Fotografía, que acollerá, ademáis do legado de Pacheco, outras coleccións.
Descargar todas as imaxes