Escoitar

Santi Domínguez pon a Obella Vidal, creador de Zeltia, como exemplo a seguir para facer país coa nosa cultura

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, participou hoxe xunto ao fiscal superior de Galiza, Carlos Varela, e o presidente do Foro Peinador, Xosé González, no acto de descuberta dunha placa de homenaxe a Ramón Obella Vidal, investigador, empresario e galeguista que foi un dos fundadores de Zeltia. O concelleiro explicou que con esta iniciativa "estamos a cumprir unha débeda que esta cidade tiña con Ramón Obella Vidal", ao que, segundo dixo, non se lle ten dado o recoñecemento que o seu labor merece.

luns, 20 xul 2009
1248094496placaobellavidal.jpg
Santi Domínguez salientou que este home xogou un papel decisivio para Galiza como investigador, empresario e galeguista, e tivo unha contribución fundamental no desenvolvemento do noso país. Diante da casa na que viviu, no número 16 da rúa Alfonso XIII, o tenente de alcalde asegurou que "o noso tecido industrial é hoxe o que é en grande medida grazas a Ramón Obella Vidal. Este personaxe esquecido da nosa historia recente, foi un precursor que en tempos difíciles foi quen de facer da ciencia, a tecnoloxía e a innovación as súas ferramentas para facer país e crear unha industria que hoxe é referenza mundial no sector bioquímico".

Na súa opinión a creación de Zeltia é un fito que aínda non se ten valorado na súa xusta medida. "Apostar por unha empresa ligada ás ciencias experimentais, nunha época na que todo o novidoso era posto en cuestión é algo que só xente coa capacidade e compromiso deste home poden facer", sinalou.

Segundo explicou, o tenente de alcalde desde a súa ideoloxía galeguista e o seu espíritu emprendedor foi quen de superar todos os atrancos que atopopara poñer a ciencia e a investigación ao servizo do progreso do seu país. Asegurou que, nestes tempos de dificultades, Ramón Obella é un exemplo a seguir. "A súa figura e o seu labor deben servirnos para reafirmar o noso compromiso co noso país", dixo.

No acto participou o fiscal superior de Galiza, Carlos Varela, quen puxo de manifesto o importante papel que Ramón Obella xogou como investigador, "un dos maiores do seu tempo", segundo dixo. Varela sinalou que foi un precursor conseguindo situar a Galiza no mundo desde o ámbito científico, facendo da nosa lingua e a nosa cultura o seus sinais de identidade.

Previamente Xosé González indicou que para o Foro Peinador era unha enorme ledicia que o Concello de Vigo recuperara con este acto á figura de Obella Vidal. Incidiu en que este home é un exemplo de que "en galego se pode estar no mundo e se pode vender" e considera que o empresariado de hoxe en día debería tomar exemplo da súa figura para proxectarse no exterior.

O tenente de alcalde salientou que "nos tempos que corren" ven moi ben escoitar a persoeiros deste nivel dicir que "como moitos cremos coa nosa lingua e a nosa cultura se pode chegar lonxe". A este respecto, engadiu que "estaría ben que esto o escoitaran os que están contra os nosos sinais de identidade".
Descargar todas as imaxes