Escoitar

Xabier Alonso di que o Cidade de Vigo de tenis feminino, con raquetas de 12 países, "é un escaparate para a cidade"

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e o presidente da Federación Galega de Tenis, Antonio Santorio, presentaron hoxe a oitava edición do Trofeo Internacional Cidade de Vigo de Tenis Feminino, IV Copa Caixanova, no Pazo Museo Quiñones de León. O evento, do circuíto mundial (WTA), disputarase dende este vindeiro venres 24 ao 2 de agosto no complexo do IMD en Samil e está dotado con 25.000 dólares en premios.

mércores, 22 xul 2009
1248268384torneotenis.jpg
O concelleiro de Deportes explicou que a elección do museo non era casual, pois Mariana de Whyte, a súa última propietaria ata a cesión do pazo ao Concello, "mandara construír unha pista de tenis no pazo (aínda existe) que foi das primeiras de Galicia xunto coas particulares en Vista Alegre (sobre 1910) e as que os ingleses da compañía o Cable Inglés fixeron en Taboada Leal alá por 1915".

Para o edil nacionalista, un torneo deste calibre "é un escaparate para a cidade" e ademais conta con outros requisitos cos que se aliña o seu departamento: "Ten cualificación deportiva, hai simbiose entre hostalería e deporte e ademais haberá unha dura competencia, polo que estou certo que será un bo campionato".

Antonio Santorio, presidente da Federación Galega, amosouse encantado pola presentación "nun marco impresionante como este" e asegurou que as pistas nas que se disputará o torneo, as de Samil, "encantan ás xogadoras", que queren repetir. Segundo dixo, "imos facer un torneo importante e proba diso é a presenza da xogadora 110 do mundo, a británica Katie O´brien, cabeza de serie número 1. Santorio espera que "tres ou catro xogadoras galegas" cheguen ao cadro principal "para gozar" do nivel dun campionato internacional destas características que conta no seu cadro final con raquetas de doce países.

Descargar todas as imaxes