Escoitar

A Alcaldía acolle a mostra pictórica do artista vigués Antón Abreu Bastos

Coa presenza de varias decenas de persoas, e representantes políticos da Corporación Municipal, este martes inaugurouse unha nova mostra de arte sita nas dependencias da Alcaldía polos próximos dous meses, desta volta a cargo do pintor da parroquia viguesa de Matamá, Antón Abreu Bastos.

martes, 5 mai 2009
1241529087abreubastos.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiu este martes a inauguración dunha nova edición de MOSTRARTE, as exposicións de arte de pintores relacionados que veñen ocupando as dependencias da Alcaldía de Vigo, a cargo do pintor de Matamá Abreu Bastos.

A inauguración contou coa presenza de medio centenar de invitados, entre eles a muller de Bastos e anterior expositora, Elsa Pérez, e os tamén artistas Pedro Solveira e Xavier Magalhaes, quenes expuxeron anteriormente na Alcaldía do Concello de Vigo. Xunto cos invitados, acudiron á apertura da mostra -que permanecerá habilitada durante dous meses- distintos responsables políticos en representación da Corporación Municipal de Vigo.

Antón Abreu Bastos (Vigo, 1927-2004) é un claro reflexo da Galicia do momento. Comezou a súa carreira artística en Vigo, pero pronto tivo que emigrar, como tantos outros, debido ás duras condicións de vida que deixou a guerra. Traballou en Arxentina, onde seguiu perfeccionando con tenacidade a súa técnica, e onde coñeceu á súa muller e tamén artista, Elsa Pérez.

En 1973, Abreu Bastos volve a Vigo, onde en pouco tempo lle é recoñecido o seu labor artístico, e onde comeza a traballar tamén pola cultura da nosa cidade desde o Patronato do Museo de Castrelos, ao que pertenceu xunto a Francisco Pablos e Xavier Pousa. Abreu Bastos foi sen dúbida un dos grandes artistas galegos de todos os tempos, e tamén un namorado da cidade olívica.
Descargar todas as imaxes