Escoitar

Santi Domínguez afirma que o novo curso político consolidará a acción do Goberno municipal

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, amosou hoxe o seu convencemento de que o novo curso que agora se inicia consolidará a acción do Goberno coa posta en marcha dos grandes proxectos e investimentos. "Como Goberno o 2009 ten que ser o ano de elevar o listón. Temos que acelerar porque a cidadanía xa intúe que hai un Goberno maduro que agora ten que entrar na concreción", sinalou o tenente de alcalde nun almorzo de traballo que mantivo hoxe cos medios de comunicación da cidade.

venres, 5 set 2008
1220619832Almorzo.JPG
Santi Domínguez salientou como un aspecto fundamental para este novo curso político o feito de que por fin a cidade conta xa cun Plan Xeral de Ordenación Municipal e o seu desenvolvemento vai ser decisivo para o futuro da cidade. Por iso fixo un chamamento para que a partir dagora, independentemente das posicións que cada quen tivera a respecto do PXOM, "é o momento de deixar traballar aos técnicos para poder desenvolvelo e de que os colectivos que se opuxeron deixen a un lado as súas diferenzas". En relación aos opositores ao Plan, precisou que o importante nesta nova fase é que quen resulte afectado sexa compensado axeitadamente.

O tenente de alcalde tamén se referiu aos orzamento da Xunta e o Goberno do Estado para asegurar que "o BNG non vai permitir que a crise sexa unha desculpa para recortar investimentos na nosa cidade. Non se pode recortar onde historicamente hai un desequilibrio territorial en investimentos". Santi Domínguez afirmou que "imos esixir que se cumpran os compromisos, porque se queremos cumprir os prazos das infraestruturas teñen que estar as partidas nos orzamentos do 2009".

Como responsable do BNG anunciou que nas vindeiras semanas vai manter contactos cos deputados nacionalistas e co vicepresidente da Xunta para expoñerlle as necesidades de Vigo que deben quedar recollidas nos orzamentos.

Un dos compromisos aos que se referiu foi o AVE, sobre o que dixo que o BNG estará ao lado do alcalde para esixir o cumprimento do prazos, pero tamén aproveitou para lembrar a situación dos veciños de Teis afectados polo trazado inicial e para os que reclamou unha solución. "Non pode ser que porque se trate só de catro u cinco familias non se resolva o seu problema", precisou.

Actividade municipal
O tenente de alcalde manifestou que os concelleiros e concelleiras nacionalistas inician o novo curso político con "renovados ánimos para traballar pola xente". No novo curso político Santi Domínguez indicou que no aspecto cultural porase en marcha a Rede Municipal de bibliotecas e tamén o Plan Integral de Museos. En canto a Patrimonio Histórico dixo que "o 2009 vai ser o ano do Castro", para reafirmar así o seu compromiso coa posta en valor integral dese espazo.

Un área na que o nacionalista fixo especial fincapé foi nos Servizos Sociais, onde o obxectivo é ampliar a atención ás persoas máis desfavorecidas, especialmente as dependentes. Sinalou como exemplos das novas medidas a posta en marcha dun servizo de "Comida sobre rodas" ou a apertura do albergue municipal.

A nova rede de acollemento, co centro de emerxencia como peza fundamental, será unha das actuacións prioritarias da Concellería de Igualdade, mentras que na área de Xuventude poranse en marcha unha nova infrasetrutura con 10 locais de ensaio, estudos de grabación e un auditorio no Parque Tecnolóxico. Polo que respecta á Normalización Lingüística adiantou que haberá unha campaña de información nos centros escolares para dar a coñecer o decreto de política lingüística e o que significa vivir nun Estado plurilingue. "Queremos facelo así porque cremos que o que hai que facer é informar e non intoxicar", recalcou.

En canto a área deportiva Santi Domínguez fixou como novidades a creación das escolas municipais para adultos. Tamén dixo que "por primeira vez haberá atención sanitaria e seguimento médico de todas as persoa que participen nas actividades organizadas polo Concello de Vigo".

Universiada
O tenente de alcalde quixo tamén facer especial referenza ao proxecto da Universiada. Considera que en tempos de crise como nos que estamos é fundamental apostar por iniciativas como esta que teñan retorno económico para a cidade. "Non ver que esta cidade ten que camiñar con amplitude de miras, algo que nos ten faltado en algúns casos. Non ver a repercusión económica e de promoción da cidade que tivo a presentación de Vigo como cidade candidata é non ter amplitude de miras", asegurou.

Santi Domínguez tamén sinalou a celebración do Bicentenario como un dos aspectos que centrará a súa atención nesta nova etapa. Adiantou que tanto desde a Tenencia de Alcaldía como desde a Concellería de Cultura estanse pechando os actos que se desenvolverán arredor da Festa da Reconquista.
Descargar todas as imaxes