Escoitar

A Corporación acorda o pago de 1,7 millóns de euros de indemnizacións polas licencias dos taxis

A modificación orzamentaria para afrontar o pago foi aprobada cos votos a favor do PSdeG-PSOE e do BNG, coa abstención do PP. Ademais, o Pleno deste xoves deu conta do estado de execución do orzamento correspondente ao segundo trimestre de 2008, ratificou a conta xeral do Concello do exercizo 2007 e aprobou inicialmente o Regulamento do Consello Sectorial das Migracións.

xoves, 4 set 2008
O Pleno da Corporación aprobou hoxe xoves a modificación orzamentaria que permite ao Concello facer fronte á indemnización de case 1,7 millóns de euros a corenta taxistas, tal e como obriga un fallo xudicial.

Coa abstención do PP e os votos favorables de PSdeG-PSOE e BNG, o Concello afronta o cometido do xulgado que obriga á compensación económica dos taxistas afectados pola retirada das licencias outorgadas a comezos dos anos 90, declaradas ilegais posteriormente polos tribunais.

Unha vez aprobada inicialmente a modificación orzamentaria polo Pleno, o expediente de somete a exposición pública, previo anuncio no Boletín Oficial da Provincia, para que os afectados poidan presentar as súas alegacións durante 15 días hábiles.

De non se presentar reclamacións, o expediente elevarase a definitivo; mentres que se fai efectiva algunha alegación, esta será resolta polo Pleno no prazo dun mes.

Por outra banda, a Corporación Municipal deu conta na sesión plenaria do estado de execución do orzamento correspondente ao segundo trimestre de 2008, ratificou a conta xeral do Concello do exercizo 2007 e aprobou inicialmente o Regulamento do Consello Sectorial das Migracións.