Escoitar

Vigo acollerá entre o 13 e o 19 de setembro a II Mostra de Cine Arxentino en Galicia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o Secretario Xeral de Comunicación da Xunta e presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado, presentaron este martes a mostra que "pon a Vigo no marco dos circuitos de cine de España", subliñou o rexedor. Proxectaranse seis producións seleccionadas polo Instituto Nacional de Cine e Artes Audiovisuais de Arxentina no Salón do Antigo Reitorado da Universidade de Vigo, nun único pase diario ás 20 horas.

martes, 2 set 2008
1220360461mostra.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este martes a II Mostra de Cine Arxentino en Galicia acompañado polo Secretario Xeral de Comunicación da Xunta e presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado. Entre o 13 e o 19 de setembro, o Salón do Antigo Reitorado, no Areal, acollerá o pase de seis películas seleccionadas polo Instituto Nacional de Cine e Artes Audiovisuais de Arxentina (INCAA).

A Secretaría Xeral de Comunicación e o Consorcio Audiovisual de Galicia, en colaboración co INCAA e a Alcaldía de Vigo, organizan a Mostra, que traerá á cidade filmes de difícil acceso aos circuítos de exhibición, así como películas que aínda non pasaron pola carteleira en España.

As producións seleccionadas, que se proxectarán en pase diario ás 20h, son Tacholas; El asaltante; Las Manos; El Resultado del Amor; Sentimientos, Mirta de Liniers a Estambul; e La Velocidad Funda el Olvido.

Na súa intervención, o alcalde salientou que esta iniciativa "pon a Vigo no marco dos circuítos de cine de España", mentres que o Secretario Xeral destacou á cidade, punto de partida de "miles de emigrantes", como o foco de nacemento da "cooperación e colaboración" entre Galicia e Arxentina, neste caso, no tocante ao audiovisual.

Todas as proxeccións terán carácter gratuíto, previa recollida de entradas na conserxería do Antigo Reitorado da Universidade de Vigo e que estarán a disposición do público a partir do 10 de setembro, de 9 a 20h.

Tacholas (Pepe Santiso, 2004), abrirá o ciclo o sábado 13 nunha sesión inaugural que contará coa presencia de representantes do INCAA de Arxentina e a intervención de Jorge Coscia, Deputado Nacional e Presidente da Comisión de Cultura de la Honorable Cámara de Diputados de la Nación Argentina, así como co director dun dos filmes que conforman esta Mostra. Trátase dun documental sobre Fernando Iglesias, "Tacholas", un actor de orixe galega que chegou a Buenos Aires en 1929 e participou en 52 filmes nacionais. O documental amosa anécdotas, fotografías e fragmentos das súas películas.

El Asaltante (Pablo Fendrik, 2007) proxectarase o luns 15 de setembro e retrata un lapso de tempo na vida dun home que planea executar un plan no que o espectador se converte en testemuña privilexiada de momentos íntimos e decisións cruciais.

Las Manos (Alejandro Doria, 2006), o martes 16 de setembro. Narra a historia real do Pai Mario Pantaleo, un cura italiano "sanador" por imposición de mans. Acompañado sempre pola súa colaboradora e admiradora Perla, o filme inspírase en episodios da vida deste home, guiado polos misterios da fe e con "poderes" para diagnosticar e curar enfermidades.

El Resultado del Amor (Eliseo Subiela, 2007), o mércores 17 de setembro. Recolle a historia de Mabel, unha rapaza que vive nunha vila mísera e traballa alternando a animación de festas infantís coa prostitución. Mabel cruza a súa vida con Martín, un avogado que decide fuxir do seu destino. Ambos atráense mutuamente e rematan namorándose. O seu amor fará que Mabel vaia vencendo sucesivas batallas contra a morte e que Martín lle atope un sentido á súa vida.

Sentimientos, Mirta de Liniers a Estambul (Jorge Coscia, 1987), o xoves 18 de setembro. Amosa a historia dunha estudante universitaria de Buenos Aires na Arxentina dos anos setenta e que vive un romance cun compañeiro que milita na política. Tras o golpe de estado de 1976, a parella vese obrigada a refuxiarse en Estocolmo. O exilio contribuirá a destruír a súa relación de parella e obrigará a Mirta a forxar o seu propio camiño.

La Velocidad Funda el Olvido (Marcelo Schapces, 2007), porá o broche final á Mostra o venres 19 de setembro a través dun dos filmes beneficiados polo Fondo Raíces. O seu protagonista é Olmo, un mozo de 24 anos que habita un mundo fóra da realidade construído pola obsesión do seu pai que acumula, arquiva e clasifica todo tipo de obxectos sen un sentido aparente. Pero a presenza afastada da súa nai moverá os fíos nunha dirección sorprendente. Un relato fascinante e conmovedor sobre a identidade, a memoria e o esquecemento.

Orixes da mostra
O 18 de marzo de 2003 en Ushuaia (Arxentina), os asinantes do Acordo Raíces comprometéronse a desenvolver actividades dirixidas a promover a integración das respectivas cinematografías a través de acordos específicos, sustentables e perdurables, mediante a promoción da coprodución e da distribución e mediante o intercambio entre as respectivas cinematografías.

A primeira acción foi desenvolvida pola Comunidade Autónoma de Galicia e tratouse da I Semana de Cine Galego en Buenos Aires, organizada polo Consorcio Audiovisual de Galicia en decembro de 2003. Esta primeira actuación supuxo o inicio dunha excelente relación entre as cinematografías de ambos os países e tivo a súa continuidade en reunións e sesións de traballo para chegar á concreción do Fondo Raíces e doutras accións que baixo o marco deste Programa serven para promocionar o noso audiovisual.

Accións como a I Semana de Cine Arxentino en Galicia, Encontros Audiovisuais Galicia-Arxentina-Cataluña (Santiago de Compostela, xaneiro 2005) ou o I Encontro Raíces no European Film Market 07 (Berlín, febreiro 2007); a constante participación de películas galegas en dous festivais fundamentais do circuíto arxentino, Pantalla Pinamar e Mar del Plata, un dos máis importantes de todos os que se celebran en Iberoamérica; e a intensa actividade institucional de promoción desenvolvida polo Consorcio Audiovisual de Galicia, a Secretaría Xeral de Comunicacion e o Instituto Nacional de Cine e Artes Audiovisuais (INCAA) permiten un amplo coñecemento e un frutífero intercambio entre os sectores audiovisuais galego e arxentino.

Reunión do Programa Raíces
Durante os días da Mostra e, aproveitando o encontro galaico-arxentino, celebrarase unha Reunión do Programa Raíces co fin de anunciar a convocatoria para este ano.

Das axudas deste Fondo beneficiáronse ata a data 9 coproducións hispano-arxentinas: Pérez, el ratoncito de tus sueños; Abrígate; La velocidad funda el olvido; El niño de barro; Algo habrán hecho; El vestido; Campo Cerezo; Pérez, el ratoncito de tus sueños II e Pepe el andaluz.

Algunhas destas películas lograron importantes recoñecementos, o que leva un importante éxito para o Programa Raíces. Pérez, el ratoncito de tus sueños fíxose co Goya á Mellor Película de Animación en 2007 e co premio á mellor película de animación na XIV edición do Festival de Cine Latino de San Diego (EE.UU.), ademais de ser unha das películas españolas máis rendibles do 2007. Outro exemplo é a longametraxe El niño de barro, que logrou uns resultados máis que razoables para unha ópera prima e unha acollida excelente en festivais internacionais, destacando o premio da prensa especializada á mellor longametraxe internacional no 19º Festival de Cine de Viña do Mar. Abrígate e La velocidad funda el olvido tamén conseguiron importantes premios en festivais nacionais e internacionais.

Inauguración da mostra
O Acto de Apertura que inaugurará este evento cinematográfico terá lugar o vindeiro venres 12 de setembro no Salón de Actos do Museo MARCO de Vigo, ás 20 horas, nunha gala-cóctel que contará coa presenza e intervención das autoridades galegas e arxentinas organizadoras e de actores de recoñecido prestixio internacional como Eduardo Blanco, así como unha actuación musical con artistas arxentinos.
Descargar todas as imaxes