Escoitar

O alcalde afirma que aprender tolerancia e respecto é o máis importante para as novas xeracións

luns, 1 out 2001
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, participou na xornada de apertura do Curso de Formación de Mediadores para Estudiantes incluído no programa educativo municipal “Aprender a convivir”. Nunha intervención ante os alumnos do Instituto de Teis, o alcalde afirmou a principal materia de aprendizaxe para as novas xeracións debe ser a tolerancia, o respecto aos demais e a convivencia en paz.

Lois Castrillo explicou que “o progreso das sociedades está asentado na convivencia en paz dos seus integrantes”. O alcalde sinalou que “os cambios vertixinosos que experimenta a sociedade actual son fonte de conflictos que, se non se canalizan ou solucionan xeran fenómenos como o fanatismo relixioso, a xenofobia, o racismo ou a violencia doméstica”. “Por iso”, dixo Castrillo dirixíndose aos estudiantes, “ é importante que teñades sempre presente na vosa actuación diaria que a violencia só xera dor e máis violencia”. “Se vos relacionades de forma pacífica e respectuosa cos demais demostraredes madurez, gañaredes en autoestima e seredes máis felices”, concluiu o alcalde vigués.

O programa “Aprender a convivir”, posto en marcha pola Concellería de Educación, pretende ofrecerlle aos xoves unhas pautas de comportamento para afrontar os conflictos e resolvelos de forma satisfactoria.