Escoitar

A reapertura ao tráfico da ponte do Pontillón retrásase uns días

venres, 28 set 2001
A reapertura ao tráfico da ponte do Pontillón non poderá realizarse o vindeiro luns, día 1, como estaba previsto. Terá que demorarse uns días máis para que técnicos especializados fagan unha revisión da estructura da ponte e determinen se é necesario reforzala ou pode soportar con garantías o paso de vehículos. No caso de que esta inspección demostrase que a ponte se conserva en boas condicións, restableceríase de novo a circulación no decurso da próxima semana.

Nestes momentos estanse executando a carón da ponte unhas obras do paseo de ribeira do Lagares que consisten na construcción dun paso soterrado que permita aos peóns pasear pola marxe do río sen necesidade de cruzar a rúa Baixada ao Pontillón. Os técnicos de Augas de Galicia e do Concello decidiron aproveitar o remate destes traballos para realizar unha inspección da ponte e comprobar a súa solidez. Será o luns cando se realice esa tarefa. Unha vez coñecidos os resultados, e sempre que estes demostren que a ponte presenta un bo estado de conservación, volveríase a permitir o tráfico de vehículos pola zona.