Escoitar

A Mancomunidade pedirá á Xunta que a Área Metropolitana teña capacidade expropiatoria

xoves, 27 set 2001
A Comisión de Goberno da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, celebrada o mércores en Vigo, acordou solicitarlle á Xunta de Galicia que se inclúa na Lei de Creación da Área Metropolitana a facultade expropiatoria para este ente supramunicipal.

Neste senso, presentouse a conclusión do Catedrático de Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, Carro Fernández-Valmayor, que considera que en ningún caso o lexislador deberá ter restriccións por parte da Lei da Administración Local de Galicia e debe dispor de total liberdade para a redacción da lei da Área, competencias e financiamento.

Outro dos aspectos que estudiou o profesor Carro Fernández-Valmayor foi se a Lei de Administración Local debe ser un corsé para a Lei de creación da Área Metropolitana de Vigo. Ó respecto conclúe que deben ser paralelas por te-lo mesmo carácter legal.

A Comisión, ante estes dictames, trasladará estas peticións á Xunta de Galicia para que as inclúa no borrador do Proxecto de Lei que actualmente atópase no periodo de alegacións para debatelas posteriormente coa Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Os alcaldes da Mancomunidade acordaron tamén presentar en outubro a candidatura ó Programa Proder II na que solicitan da Unión Europea unha axuda de 1.400 millóns de pesetas. Este proxecto ten coma finalidade achegar ó medio rural as tecnoloxías da información.