Escoitar

Un programa educativo permitirá divulgar a fauna de Vigo-zoo

mércores, 26 set 2001
imx596.jpg
Presentación do programa
O concelleiro de Medio Ambiente, Amador Fernández, e o vicerrector de Investigación da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, presentaron o programa que desenvolve o equipo seleccionado para realizar un traballo educativo en Vigo-zoo, co obxectivo de convertelo nun parque de interpretación.





Con este programa, as instalacións do zoolóxico empezan a realizar as funcións social, educativa e investigadora que lle corresponden, ademais de servir de hospital e de depósito de animais comisados, afirmou o concelleiro.

Salustiano Mato explicou que, trala sinatura do convenio co Concello en novembro do ano pasado, se creou unha comisión mixta e se deseñou un programa de actividades co obxectivo de ofertarlles as instalacións do zoolóxico ós investigadores. ”Preténdese transformar o zoo nun parque de interpretación, ligado á recuperación da fauna, e para isto cóntase cun coordinador e cinco monitores” que desenvolverán o programa educativo, dixo o vicerrector.

O traballo principiarase coa realización de planos, instalación de sinais e trazado de itinerarios e, a partir de xaneiro, faranse visitas piloto con centros educativos ós que se lles ofrecerán guías didácticas específicas para alumnado de primaria, secundaria e bacharelato. No segundo trimestre do vindeiro ano, esta experiencia estará a disposición de tódolos centros de ensino que desexen participar no programa.

Amador Fernández sinalou tamén que, a finais deste mes, estarán concluídas as obras do peche perimetral do zoolóxico e anunciou a instalación dun planetario portátil que complementará a oferta de Vigozoo.
Descargar todas as imaxes