Escoitar

O concelleiro Santiago Domínguez anuncia un plano de infraestructuras deportivas para os vindeiros dez anos

xoves, 27 set 2001
imx604.jpg
Pavillón polideportivo
O plano de infraestructuras deseñado pola Concellería de Deportes conterá un mapa das instalacións existentes e das necesidades previstas nos proxectos que se queren executar nos vindeiros dez anos, segundo manifestou Santiago Domínguez, co obxectivo de dispor dun documento para conseguir investimentos da Xunta de Galicia e do Consello Superior de Deportes.

O concelleiro de Deportes explicou que na elaboración do plano se contará coa participación dos partidos políticos e dos clubes vigueses para que todos poidan achegar as súas contribucións. Anunciou tamén que estas propostas se lles trasladarán ó equipo redactor do Plan xeral de ordenación municipal para que contemple o establecemento das dotacións deportivas previstas, que precisan dun presuposto estimado en 10.000 millóns de pesetas.

Santiago Domínguez dixo que o prego de condicións para a realización da piscina olímpica nos terreos de Barreiro estará concluído proximamente e explicou as melloras en dotacións deportivas de Zamáns, Candeán, Saiáns, Cabral ou Teis, entre outras, ademais da creación dun novo polideportivo en Bouzas. Este ano investíronse 30 millóns de pesetas no mantemento e adecuación dos campos de fútbol da cidade e nos presupostos de 2002 incluirase un plano de reforma das cubertas dos pavillóns.

Entre as novidades que destacou o concelleiro está a intención de que os clubes de deporte base non paguen pola utilización das instalacións municipais e a consecución de becas para os deportistas que precisen axuda económica á hora de acudir a competicións ou a centros de tecnificación.

Vigo acollerá o 11 e 12 de outubro o Torneo internacional de hockey sobre patíns, o 22 de outubro un partido amistoso da Selección española de fútbol sala, que será libre e gratuíto, e será sede do Campionato de Europa de patinaxe artística en setembro de 2002.

Desde a Concellería de Deportes intentarase a consolidación do Club Siareiros, unha experiencia pioneira no Estado español, que aglutina e realiza unha oferta conxunta dos equipos de elite da cidade. Preténdese chegar a acordos para a adquisición de roupa deportiva dos clubes e para a reducción dos custos dos desprazamentos dos equipos nas súas saídas.

Na campaña de Escolas municipais ofértanse 20 modalidades e, entre elas, hai deportes aptos para diminuídos físicos como o baloncesto e o tenis de mesa en cadeira de rodas. Potenciaranse as xornadas de deporte na rúa que se realizan polas parroquias, as aulas deportivas e os deportes minoritarios e os tradicionais.
Descargar todas as imaxes