Escoitar

Os empresarios de hospedaxe de Pontevedra solicitan ao alcalde unha mesa de diálogo de turismo

ASEHOSPO mantivo este mércores un encontro con Abel Caballero no que pediron constituir unha mesa de diálogo de temas de turismo entre a Alcaldía e a Asociación. Para o mesmo, ambos mostraron a importancia de facer de Vigo cidade cebeceira de cruceiros, para o que o alcalde considera "básico" o Plan Nouvel.

mércores, 28 mai 2008
1211980269alcaldehasepospo.jpg
A Asociación de Empresarios de Hospedaxe de Pontevedra, ASEHOSPO, solicitou este mércores a Abel Caballero a constitución dunha mesa de diálogo entre a Alcaldía e a Asociación sobre temas de turismo, que se reuniría de forma periódica.

En declaracións aos medios de comunicación, o alcalde informou da importancia que ambos conceden á visita dos cruceiros á cidade, e salientou a posibilidade "viable" de que Vigo se converta en cabeceira de saída dos transatlánticos.

Para acadalo, Abel Caballero considera "básico" o desenvolvemento do Plan Nouvel, que reordena o espazo portuario, así como o propio crecemento do Porto vigués. Tanto o alcalde como os representantes de ASEHOSPO mostraron o seu acordo neste aspecto, segundo avanzou o rexedor.

Pechado o cortalumes de A Guía
Abel Caballero deu conta asemade en rolda de prensa do peche ao "tráfico lixeiro e pesado" do cortalumes do Monte de A Guía, "unha demanda medioambiental histórica" efectiva desde este mércores, como paso previo á realización do paseo peonil que recorrerá a zona.

O paso aos vehículos queda restrinxido seis días á semana, xa que os transportistas contarán cun único día no que poderán atravesar o carril para desempeñar labores de subministro ás empresas que alí operan.

Xunta Local de Seguridade
Ante as informacións publicadas nas que os veciños de Candeán alertan dos roubos que se están a producir na parroquia viguesa, o alcalde informou do acordo alcanzado coa Subdelegación de Goberno polo que se convocará "a próxima semana" a Xunta Local de Seguridade.

A convocatoria pretende, salientou Abel Caballero, "garantir a seguridade das persoas e dos bens" de Candeán e "tranquilizar" aos seus veciños. Ante a posibilidade adiantada polos veciños de organizar patrullas de vixilancia na zona, o rexedor avanzou que "non son legais nin necesarias" e que a Xunta Local de Seguridade "recabará información da situación e tomará decisións" para garantir a seguridade da parroquia.
Descargar todas as imaxes