Escoitar

Lenny Kravitz presentará o xoves no IFEVI un espectáculo de 300.000 watios de luz e 120.000 watios de son

"Unha nova era comeza mañá na cidade co gran espectáculo que ofrecerá Lenny Kravitz no Instituto Feiral de Vigo", salientou este xoves o tenente de alcalde, Santi Domínguez, na presentación do concerto do artista estadounidense, na que tamén participaron o representante da promotora que trae a Vigo a Lenny Kravitz e o xerente do Ifevi, Arsenio Iglesias. Na montaxe do concerto, que comezará mañá ás 22 horas, participan arredor de 130 persoas, e conta cunhas cifras técnicas que fan del "un gran espectáculo": 300.000 watios de luz, 120.000 watios de son, un escenario de 18x14 metros con alas para colocar monitores de 4x4 metros, e cañóns de 8 metros de altura. Todo o material suma un total de 18 toneladas, que é transportado en 6 trailers de 16,5 metros e unha autocaravana de 14 metros para o grupo.

mércores, 28 mai 2008
1211979592lennykravizt.jpg
"O feito de que este artista comece a súa xira en Vigo é algo máis que un acontecemento musical, supón a confirmación de que as melloras levadas a cabo no recinto feiral o capacitan para acoller calquer tipo de evento musical", subliñou Santi Domínguez. Ademais, durante a actuación, estarán habilitadas cinco oficinas con material informático e telefónico, así como todos os servizos fundamentais nun acontecemento desta envergadura, como médico e bombeiros. Lenny Kravitz contará cun teloneiro vigués, segundo indicou o tenente de alcalde, que é o Dj Juan, habitual de La Iguana, que comezará ás 20.45 horas.

Santi Domínguez salientou que a cidade de Vigo "está en condicións de ofertar un gran espectáculo", tal e como o pon de manifesto que o aforo de concerto superará as 8.500 perosas. "É un éxito de público, tanto de Vigo como procedente doutros lugares", indicou. Ao respecto recoñeceu que son frecuentes os problemas de aparcamento no Ifevi cando teñen lugar eventos de relevancia, polo que mentres non se materialice o compromiso da Consellería de Industria de ampliar este servizo habilitando máis de sete mil prazas, o tenente de alcalde recomendou aos asistentes ao concerto "chegar canto antes" ao Instituto Feiral e, sobre todo, "utilizar o transporte público".

Neste sentido, anunciou que haberá a disposición do público tres lanzadeiras gratuítas, que sairán do Areal, da Praza Eugenio Fadrique e da Praza de España. Así, os autobuses sairán do Areal ás 19.45 e ás 20.05 horas; da Praza Eugenio Fadrique ás 19.55 e ás 20.15 horas; e da praza de España ás 19.50, ás 20, ás 20.10 e ás 20.20 horas. Unha vez rematado o concerto os autobuses sairán do Ifevi cunha frecuencia de dez minutos e voltarán aos puntos de partida.

O tenente de alcalde felicitou ao xerente do Ifevi, Arsenio Iglesias, e ao seu equipo "polo traballo desenvolvido nestas xornadas previas ao concerto", e asegurou que Vigo "non defraudará a Lenny Kravitz". O propio representante do artista americano agradeceu ao Instituto Feiral "o esforzo levado a cabo para traer á cidade á Lenny Kravitz", e salientou que o Ifevi resulta un local "musicalmente estupendo e moi agradable para traballar grazas ás obras levadas a cabo".

En canto á personalidade do artista o representante da promotora explicou que sempre viaxa en autobús "porque non lle gusta nada voar", pero subliñou que é unha persoa "bastante normal", que toca co seu "grupo de sempre", integrado por "arredor de oito ou dez persoas". Respecto ao concerto, indicou que posto que é o primeiro da xira, "aínda está decidindo os temas que incluirá na actuación", aínda que asegurou que o espectáculo durará "polo menos hora e media e non defraudará".
Descargar todas as imaxes