Escoitar

A campaña de educación vial da policia local chega a 15.000 alumnos de Vigo

No curso actual, a campaña contempla charlas en 80 centros de Vigo, prácticas no Parque Infantil de O Castro e actividades como o reparto de carteis informativos ou a Feira da Xuventude. O departamento de Educación Vial xa está a preparar a programación para o vindeiro curso. O alcalde, Abel Caballero, e o concelleiro de Seguridade, Xulio Calviño, visitaron este mércores o centro de educación vial de O Castro.

mércores, 28 mai 2008
1211980383alcaldepistabicis.jpg
A campaña de Educación Vial posta en marcha pola Policía Local de Vigo nos colexios de Vigo chega neste curso a preto de 15.000 alumnos dos colexios públicos e privados da cidade.

O departamento de Educación Vial da Policía, que xa está a elaborar a programación para o vindeiro curso académico, preparou un plantexamento para este ano que contempla diversas actividades, como charlas en 80 centros da cidade a nenos desde infantil ata 5º de primaria, e prácticas no Parque Infantil de O Castro para os nenos de 6º.

A campaña ten aínda por desenvolver actividades con 125 alumnos discapacitados, entre os días 10 e 18 de xuño; unha visita ao Hospital Xeral, entre o 18 e o 20 de xuño, etc. Outras accións incluídas na programación son a colaboración coa ludoteca de Coia no seu programa de educación vial que tivo lugar no pasado mes de marzo, o reparto de carteis informativos sobre os sistemas de retención infantil nas garderías da cidade, ou a Feira da Xuventude, na que máis de 4.000 nenos de entre 6 e 12 anos fan uso dos circuítos de educación vial no IFEVI.

Este mércores, o Centro de Educación Vial de O Castro recibiu a visita do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e do concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Xulio Calviño, e foron testemuñas dalgunha das iniciativas da Policía para a educación vial dos máis pequenos.
Descargar todas as imaxes