Escoitar

O Proxecto Conta con Elas impulsará a posta en marcha de bancos do tempo en Vigo

Os bancos do tempo son espazos concibidos para impulsar e favorecer os intercambios informais de tempos, traballos e servizos entre particulares nun determinado contorno urbano ou rural. A súa posta en marcha en Vigo prepararase nun obradorio dirixido a representantes de asociacións de mulleres e asociacións veciñais.

venres, 9 feb 2007
1171030450contabancos090207.jpg
O Proxecto Conta con Elas impulsará de xeito experimental os bancos do tempo para favorecer a conciliación da vida familiar, laboral e persoal dos homes e das mulleres de Vigo. É esta unha medida que se está a levar a cabo en máis de 20 países para cubrir as necesidades das persoas e afrontar problemas sociais, desde o coidado dos nenos ata a protección do medio ambiente, pasando pola educación cidadá, as tarefas de mantemento en vecindarios, o asentamento de inmigrantes, as reparacións domésticas ou a atención aos maiores.

En España, a cidade de Barcelona realiza un labor pioneiro xestionado pola asociación Salud y Familia, que explica na súa páxina web (www.saludyfamila.org) que "non existe nada máis simple que as bases dun Banco do Tempo. Ti dás unha hora de axuda. Ti gañas unha hora a cambio. A persoa que recibe a axuda deberá devolver a axuda a alguén máis".

O banco do tempo conta cunha lista de membros na que se incúe o que estes desexan facer e cando poden facelo. "Cando alguén chama", sinalan desde Salud y Familia, "a súa solicitude é emparellada coas ofertas dispoñibles mediante unha busca informática. O coordinador do Banco do Tempo achega as ofertas á persoa que solicita axuda de forma que esta poida decidir e facer os contactos". No ordenador do banco do tempo gárdase a información sobre as horas realizadas e as horas utilizadas.

Salud y Familia transmitirá a súa experiencia a respresentantes de asociacións veciñais e de mulleres da área de Vigo nun obradoiro que se desenvolverá os días 22, 23 e 24 de febreiro. Neste obradoiro os axentes locais aprenderán os coñecementos necesarios para a posta en marcha e mantemento de bancos do tempo, co obxectivo de que sexan eles mesmos os que coordinen o traballo da secretaría que se encargará da realización desta iniciativa en Vigo.

Partindo da concepción da hora como unidade de cambio, os bancos de tempo poden adoptar moitas formas, xa que unha vez que a xente forma parte deles desenvolve a súa creatividade pensando de que xeito pode utilizar o seu tempo. A versatilidade desta iniciativa dá lugar a unha diversidade de formas de colaboración que promove as relacións interxeneracionais e de boa vecindade, segundo apuntan desde o Proxecto Conta Con Elas.

O Proxecto Conta con Elas enmárcase dentro da iniciativa Equal do Fondo Social Europeo, dedicada a promover novos métodos de loita contra toda clase de discriminación e desigualdade no acceso a un mercado de traballo aberto a todos e todas, a través da sensibilización en materia de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para corrixir a segregación horizontal e vertical no eido laboral. O orzamento do proxecto, preto de tres millóns de euros, é un dos máis altos de España.
Descargar todas as imaxes