Escoitar

O Concello insta á Xunta a adoptar criterios obxectivos para a creación de residencias públicas

A Corporación municipal aprobou no Pleno de hoxe, con 25 votos a favor do PSOE e 5 do BNG e a abstención do PP, a moción que reclama á Xunta de Galicia medidas para a planificación e construción de novas residencias públicas na cidade.

luns, 28 set 2026

A moción proposta polo PSOE de Vigo esixe que a creación de novas prazas atenda a criterios obxectivos como o avellentamento, a dependencia e o déficit de prazas públicas. A concelleira de Política Social e Participación Cidadá, Yolanda Aguiar, abriu a súa intervención lembrando que en Vigo hai máis de 71.000 vigueses e viguesas que teñen máis de 65 anos e reclamou a construción de dúas novas residencias públicas para a cidade.

Aguiar cuestionou o Plan de Residencias impulsado pola Xunta, que contempla a creación de 1.800 prazas repartidas en 25 centros, e denunciou que a planificación non responde a criterios obxectivos, xa que 23 pertencen a concellos rexidos polo Partido Popular. A concelleira afirmou que “as residencias públicas son servizos públicos esenciais, non agasallos a repartir entre os concellos da mesma cor política. Son un dereito das persoas maiores”.

A moción reclama tamén que a Xunta publique cantas persoas de Vigo son trasladadas a residencias fóra da cidade e da provincia, evitando o desarraigamento das persoas maiores. Ademais, solicitan qur acepten a cesión de terreos ofrecida polo Concello para construír dúas residencias públicas. A concelleira denunciou tamén a falta de investimento da Xunta en materia de dependencia, xa que sinalou que Galicia destinou 5.200€ por persoa dependente fronte aos 6.200€ da media estatal. Por iso, esixiu que os orzamentos autonómicos de 2027 inclúan os recursos necesarios para a construción das dúas residencias públicas en Vigo.

Sanidade

Pola súa parte, o PSOE de Vigo presentou outra moción relacionada coa sanidade que contou co apoio do BNG e abstención do PP. O texto aprobado reclama unha resposta integral sobre a situación sanitaria de Vigo, no tocante á cubrición das prazas vacantes en épocas de gripe ou período estival, a creación de novos Puntos de Atención Continuada (PAC) ou a dotación de medios nos hospitais da cidade. Neste caso, a encargada de presentar a moción foi a terceira tenente de alcalde e responsables da Área de Goberno de Fondos Europeos, Medio Ambiente, Educación e Normalización Lingüística, Elena Espinosa, quen puxo en valor que “é precisa unha solución urxente da man de quen ten a competencia en materia sanitaria”, referíndose á Xunta.

Descargar todas as imaxes