Escoitar

Vigo urxe á Xunta resolver os problemas das válvulas da presa de Eiras e garantir a súa plena operatividade

O Pleno da Corporación municipal aprobou hoxe, cos votos a favor dos concelleiros do PSOE e do BNG e a oposición dos representantes do PP, a moción do grupo municipal socialista instando a Augas de Galicia a garantir a capacidade do encoro para atender as necesidades de Vigo e dos municipios aos que abastece.

luns, 28 set 2026

A Corporación municipal demanda á Xunta que traslade ao Concello de Vigo o informe técnico completo e actualizado sobre a intervención realizada desde novembro de 2025 nas catro válvulas do encoro de Eiras deterioradas, que foron substituídas por unhas provisionais, alén do prazo previsto para instalar as definitivas. Ademais, insta a Augas de Galicia a manter unha coordinación técnica permanente co Concello de Vigo, co servizo municipal de abastecemento, onde se trasladen de forma inmediata todas as incidencias que afecten á presa, á válvulas, aos caudais dispoñibles ou á seguridade da subministración.

O segundo tenente de alcalde, Javier Pardo, recalcou na sesión plenaria de hoxe que a presa de Eiras é unha infraestrutura “esencial” para o abastecemento de auga a Vigo e aos municipios da contorna. Sinalou que a resolución de problemas como os rexistrados coas válvulas é un tema “moi importante” para o Goberno municipal. Incidiu en que, tras os sucesivos anuncios por parte da Xunta de datas para a instalación das válvulas definitivas, na actualidade o Concello segue sen información da administración galega sobre o prazo en que quedará definitivamente rematada e plenamente operativa .

Descargar todas as imaxes