O Goberno municipal aproba a taxa turística
O alcalde explicou que o recargo será aplicado de forma progresiva a partir do mes de outubro nas estancias de turistas e visitantes nos aloxamentos da cidade e a recadación investirase na mellora dos servizos turísticos. “Non grava aos cidadáns de Vigo”, senón ás persoas que veñen de fóra, apuntou.
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres o proxecto de Ordenanza Fiscal reguladora do recargo municipal sobre o Imposto Galego de estancias turísticas, na que se establecen as contías que deben aboar os turistas e visitantes que pasen a noite en aloxamentos da cidade.
As contías por noite son as que seguen:
▪ Hotel 5 estrelas, 5 estrelas superior e 4 estrelas superior: 2€
▪ Hotel 4 estrelas, 3 estrelas superior, 3 estrelas e 2 estrelas superior: 1,60€
▪ Hotel 2 estrelas, 1 estrela superior e 1 estrela: 1,20€
▪ Pensións: 1,20€
▪ Albergues, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e vivendas turísticas: 0,80€
▪ Vivendas de uso turístico: 1,60€
▪ Embarcacións de cruceiro turístico: 1,20€
Tal e como explicou Abel Caballero, o Concello destinará o que se recade aos servizos turísticos da cidade para favorecer ao sector: “esta taxa turística non afecta aos cidadáns de Vigo”; é para os turistas e visitantes polo que “non grava á cidadanía viguesa”.
O rexedor avanzou que o Concello implantará a taxa turística de forma progresiva, en diferentes etapas. Así, a ordenanza entrará en vigor en outubro de 2026. Ata o 1 de xullo de 2027 a taxa aplicarase soamente ás dúas primeiras noites de estancia e, a partir do 1 de xullo de 2027, a taxa aplicarase un máximo de cinco noites para cada estadía. No caso de cruceiros turísticos, a taxa aplicarase a partir do 1 de xullo de 2027.
A ordenanza contempla diferentes exencións ao pagamento do recargo: estancias por motivos de saúde, estadías de deportistas federados por concorrencia a competicións oficiais, causas de forza maior como os aloxamentos xestionados por servizos sociais. Tampouco terá que ser aboado polos menores de idade, as persoas con discapacidade igual ou superior ao 65%, aquelas persoas que gocen de estancias subvencionadas por programas sociais, os albergues públicos ou os albergues xuvenís.
Trala aprobación de hoxe en Xunta de Goberno, o Concello abrirá o prazo de emendas á ordenanza, cun prazo de presentación de 10 días hábiles a partir do luns 20 de abril. A continuación, realizaranse as comisións informativas e, posteriormente, será aprobada no Pleno Municipal.
Tal e como recolle a Lei Autonómica, o Concello constituirá unha Comisión municipal de asesoramento e seguimento da implantación da recarga turística. Estará formada por representantes municipais, empresas do sector e asociacións veciñais. O imposto está recollido na Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Xunta de Galicia que creou o imposto galego sobre as estancias turísticas na comunidade.