Escoitar

Concello e Zona Franca firman o convenio que desbloquea o desenvolvemento do Campus do Mar na ETEA

O presidente de Zona Franca, Abel Caballero, o delegado especial do Estado no ente, David Regades, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e a delegada do CSIC en Galicia, Carmen González, a tenente de alcalde, Carmela Silva, e a concelleira de Urbanismo, María José Caride, participaron este mércores na firma do convenio coa Xunta para desenvolver e executar a urbanización da parcela PS1 da ETEA e construír un aparcadoiro subterráneo na Praza de Armas, dentro do ámbito do campus científico-tecnolóxico do mar.

mércores, 25 feb 2026

O alcalde afirmou que hoxe Vigo marcou outro “fito” lanzando “todo o proxecto excepcional” na ETEA, e "salvando á cidade da desafección da Xunta” ao desbloquear unhas obras fundamentais para desenvolver o Campus do Mar.

Caballero lembrou que a planificación da ETEA como novo espazo de investigación remóntase ao 2008, durante o seu primeiro ano do seu mandato como alcalde e con Emilio Pérez Tourño ao fronte da Xunta. “Asinamos e presentamos un gran proxecto da cidade de investigación no ámbito mariño, pero desafortunadamente ao ano seguinte cambiou o goberno galego e, desde entón, levamos un compás de espera interminable, de 17 anos con todo este gran proxecto paralizado”.  Destacou que o Concello puxo en funcionamento os equipamentos deportivos en 2008-2009, mellorou o acceso á praia da Punta e cedeu o edificio Siemens á Universidade de Vigo.

O alcalde incidiu na responsabilidade da Xunta no atraso do desenvolvemento do proxecto e na súa negativa para construír o aparcadoiro que dará servizo a toda a comunidade científica e investigadora. “De novo Zona Franca e a cidade acudiron a salvar esta iniciativa e isto é o que acabamos de asinar, que estamos a salvar a ETEA", afirmou.

“Proxecto estratéxico”

O delegado especial do Estado en Zona Franca, David Regades, expresou o orgullo por colaborar no desenvolvemento dun proxecto “estratéxico” non só para Vigo e Galicia, senón para España e participar no “paso decisivo” para poñer en marcha o investimento de 15 millóns de euros que conlevan as obras de urbanización e as conexións do ámbito PS1 e a construción dun aparcamento subterráneo baixo a Praza de Armas.

Nova sede do Instituto de Investigacións Mariñas

Carmen González Sotelo, delegada Consello Superior de Investigacións Científicas Galicia, recalcou o avance que representa a firma do convenio que desbloquea o proxecto para iniciar a construción dunha nova sede do CSIC no complexo da ETEA. “É unha noticia excelente para Galicia e para Vigo porque achega certeza aos proxectos da Universidade de Vigo e do CSIC que nos van a permitir unha cooperación institucional que é absolutamente necesaria e que vai converter a Vigo nun polo de investigación mariña e que nos vai a colocar nunha primeira posición a nivel internacional”.

A responsable do CSIC remarcou a transcendencia da construción da súa nova sede en Teis porque substituirá ás actuais do Instituto de Investigacións Mariñas en Bouzas que acumula moitos problemas.

O convenio fixa unha aportación de 15,2 millóns por Zona Franca e 10,5 millóns da Xunta de Galicia. 

Polo de investigación mariña

O reitor da Universidade de Vigo congratulouse do desbloqueo no desenvolvemento do proxecto e destacou a capacidade “de que en investigación mariña imos crear aquí un polo de investigación realmente competitivo e que poida ser un exemplo para todo o mundo”. Reigosa destacou o traballo de David Regades e a súa participación no desbloqueo do proxecto “porque o aparcadoiro non estaba previsto e é unha necesidade”.

 

Descargar todas as imaxes