Escoitar

Abel Caballero: "Estamos preparados para ser sede do Mundial de 2030"

O presidente da Zona Franca e alcalde de Vigo, Abel Caballero, o delegado do Consorcio, David Regades, a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, e a presidenta do Real Club Celta, Marián Mouriño, protagonizaron esta mañá a firma da cesión do dereito de superficie ata 2081 da parcela sobre a que se asenta a Grada de Río do Estadio Municipal de Balaídos. O acordo afianza o compromiso de Vigo para ser sede do Mundial 2030, segundo recalcou o rexedor. “Estamos preparados para o Mundial. Imos ampliar a Grada de Tribuna e chegar aos 43.000 espectadores con ou sen Mundial. Imos facela porque para o Celta e para a cidade é imprescindible”, recalcou.

venres, 13 feb 2026

Abel Caballero recalcou a transcendencia da firma da segunda cesión do dereito de superficie por Zona Franca, xa que garante ao Concello, durante outros 49 anos, a propiedade do espazo para desenvolver os proxectos no Estadio Municipal de Balaídos e avanzar na meta de ser sede do Mundial de 2030.

O rexedor incidiu no obxectivo trazado de “garantir” a seguridade para desenvolver os proxectos de Balaídos co paso “imprescindible” de “asegurar que o Concello dispón do dereito de uso de superficie dunha parcela moi importante”.

A firma de hoxe é un paso máis no camiño de acordar co Celta a cesión de todo o complexo de Balaídos e de executar o proxecto de ampliación da Bancada de Tribuna co obxectivo de contar cos requisitos necesarios para acoller partidos do Mundial, remarcou.

Mundial

Caballero reiterou que o Concello segue cumprindo con todos os compromisos e requisitos necesarios para ser sede do Mundial de 2030. “Neste momento estamos en mellor situación co estadio de Balaídos que outros estadios que xa son candidatos firmes polo que a Federación tennos que explicar por que non declarou xa a Vigo cidade candidata como sede do Mundial de 2030 igual que fixo con outras 10 cidades de España”. O rexedor afirma que priman criterios políticos na designación das sedes do máximo campionato de fútbol. “Louzán non nos fai sede e Rueda non contribúe a pagar a reforma que temos que facer na Grada de Tribuna. Péchase o círculo político: presidente da Xunta, conselleiro de Deportes e presidente da Federación Española de Fútbol”.

O alcalde avanzou que o Concello remitirá unha carta a Rafael Louzán para urxirlle a que declare a Vigo como sede do Mundial. “Hai 11 sedes para España e a proposta é de 10. O nunca visto”. O alcalde remarcou que o Concello xa empezou as obras de ampliación da Grada de Tribuna retranqueando 30 metros dous colectores.

O delegado de Zona Franca, David Regades, destacou a achega e colaboración da entidade aos proxectos do Concello de Vigo e do Celta no Estadio Municipal de Balaídos. “Zona Franca volve estar ao carón da cidade e do Celta, querendo achegar solucións a incertezas dun novo estadio que se quere poñer ao dispor de máis aforo e de competicións e eventos con máis capacidade”, recalcou.

 

Descargar todas as imaxes