Vigo impulsa un novo ámbito urbanístico en Castrelos con 156 vivendas, o 30% protexidas
O alcalde anunciou o inicio dun novo expediente administrativo para o desenvolvemento dun ámbito urbanístico na zona de Castrelos, concretamente entre o Camiño de Ribadavia Xiña e o inicio da avenida Clara Campoamor.
O ámbito contará cunha superficie aproximada de 22.000 metros cadrados, dos cales o 90% se destinará a uso residencial e o 10% a uso terciario. O proxecto permitirá a construción dunhas 156 vivendas, das que 47 contarán con algún tipo de protección, o que supón o 30% do total.
“O máis salientable é que estamos a falar de vivenda a prezos accesibles, pensada para rendas da clase traballadora, para que non teñan que dedicar unha parte excesiva do seu salario á compra ou ao alugueiro dunha vivenda”, destacou o rexedor.
A ficha urbanística do ámbito recolle as condicións que deberá respectar a ordenación, facendo especial fincapé na integración paisaxística. Así, o desenvolvemento deberá incorporar os árbores autóctonos nas zonas verdes e espazos libres, así como preservar os elementos catalogados, entre eles hórreos, edificacións tradicionais e muros de contención de pedra.
Do mesmo xeito, as actuacións previstas deberán integrarse adecuadamente pola súa localización nunha contorna de elevado valor patrimonial, ao atoparse próxima á Necrópole de Santa María de Castrelos, ao BIC de Castrelos e á antiga escola unitaria de Castrelos.
Con esta iniciativa, o Concello de Vigo continúa a avanzar no impulso de novos desenvolvementos urbanísticos orientados a incrementar a oferta de vivenda, especialmente protexida, compatibilizando o crecemento da cidade coa protección do patrimonio histórico e natural.