Vigo sinaliza os paseos do Vao e Samil e mantén pechados parques e cemiterios polo temporal
Tras a xuntanza do Centro de Coordinación Municipal (CECOPAL) para avaliar a evolución do temporal, o Concello de Vigo informa de que se procederá á sinalización dos paseos do Vao e Samil, recomendando á cidadanía que evite realizar calquera tipo de actividade nestas zonas. Así mesmo, os parques de Castrelos, O Castro, A Riouxa, Samil e o paseo do Lagares permanecen pechados como medida preventiva ante a situación meteorolóxica adversa. Tampouco se permitirá o acceso aos cemiterios municipais. O Goberno local fai un chamamento á prudencia e solicita á poboación que respecte en todo momento as advertencias e indicacións das autoridades.