O alcalde censura a demora da Xunta coas autorizacións de obras na cidade
Abel Caballero informou este xoves da recepción da comunicación autonómica que estaba pendente para poder continuar coa obra do túnel de Elduayen.
O Goberno de Vigo acaba de recibir resposta da Consellería de Medio Ambiente sobre a colonia de paxaros aniñada na rúa Poboadores, que está afectada pola obra do túnel de Elduayen.
Para o rexedor a comunicación chega “seis meses despois de enviar a nosa solicitude, tras dicir que xa o tiñamos e que era mentira que non puideramos iniciar a obra do túnel”. O texto sinala as xestións que debe realizar o Concello nas que “xa estamos traballando e enviaremos a documentación que piden nuns días” para poder retomar a obra.
“Responden dicindo que non e que temos que facer varias xestións. Menos mal que non empezamos. Outra vez tiñamos razón, non nos responderan”, insistiu Caballero, que lembrou outros proxectos que están á espera de autorización autonómica como as ramplas da Gran Vía, o reforzamento da Praza do Rei e as obras do acceso á ermida da Guía, para a que acaba de chegar o permiso da Xunta, que dilatou “meses” o procedemento.