Escoitar

Caballero, satisfeito co acordo no IFEVI que “salva Conxemar para sempre"

Concello, Zona Franca e Xunta de Galicia acordaron realizar unha valoración das instalacións mediante unha empresa taxadora acreditada e homologada. Esta tarefa será asumida polo propio IFEVI, baixo a coordinación do seu xerente, Arsenio Prieto, que se encargará de seleccionar a empresa responsable da taxación.

xoves, 18 dec 2025

Segundo destacou o alcalde, o obxectivo compartido polo Concello de Vigo e pola Zona Franca foi, desde o primeiro momento, garantir a continuidade de Conxemar en Vigo. “Iso é exactamente o que conseguimos con esta reforma, que permitirá ampliar o IFEVI e que será financiada integramente pola Zona Franca”, sinalou Caballero.

O acordo alcanzado tamén establece un novo equilibrio institucional no seo do IFEVI, no que Concello de Vigo, Xunta de Galicia e Zona Franca contarán co mesmo peso no consello. Ademais, as presidencias serán rotatorias entre a Xunta e o Concello, mentres que a vicepresidencia corresponderá de maneira permanente á Zona Franca.

Abel Caballero recoñeceu que se perderon innecesariamente oito meses no proceso, aínda que subliñou que “o importante é que o resultado é positivo e remata ben”. Neste sentido, reiterou a súa satisfacción polo acordo acadado: “Imos potenciar o IFEVI e acabamos de salvar Conxemar para sempre, garantindo que seguirá celebrándose en Vigo. Este era o meu obxectivo, e está cumprido”.

Descargar todas as imaxes