O Concello dedicará 1.350.000 euros nas axudas de emerxencia e bonotaxi en 2026
A Xunta de Goberno aprobará mañá o programa das axudas de emerxencia e do bonotaxi de 2026 por un importe de 1.350.000 euros, segundo anunciou este venres o alcalde.
Abel Caballero explicou hoxe que o programa de 2026 contra os desafiuzamentos, de emerxencia social e para o bonotaxi contempla destinar 1.300.000 euros ás axudas de emerxencia e outros 50.000 euros a facilitar o transporte ás persoas con discapacidade.
“A importancia do acordo é que as axudas de emerxencia se centran en vivenda, alimentación, luz e auga”, recalcou o alcalde ao lembrar que este programa do Concello de Vigo “evita ducias de desafiuzamentos de persoas que eventualmente non pode pagar o seu alugueiro e ás que damos a capacidade para que o paguen”, facilita o pago dos recibos de subministracións fundamentais e da alimentación. “Nós non queremos desafiuzamentos e que as familias teñan dificultades para a súa alimentación ou que non poidan pagar a luz e a auga”, afirmou.
Caballero lembrou que os fondos de axudas de emerxencia son compatibles co resto das de Política Social, co Risga, “e por iso Vigo ten a máis importante política social dunha cidade de España”.
Dispositivo de frío
O alcalde anunciou a reactivación, a partir de hoxe, do dispositivo de frío co que o Concello facilita ás persoas vulnerables que dormen na rúa lugares para poder pasar a noite baixo teito: o albergue municipal, o centro de Santa Cruz e prazas en pensións e hostais. A estes recursos súmase a oferta, para quen rexeita utilizar os centros que o Concello pon á súa disposición, bebidas quentes e mantas.
“A nosa parte de política social é contar cun albergue que custa 1.100.000 euros ao ano e os dispositivos de frío para atender ás persoas que o necesita”, remarcou o rexedor.