O Concello establece “máxima atención, vixilancia e prevención” ante os incendios
O comité asesor do Plan de Emerxencia Municipal, dirixido polo alcalde, reuniuse este xoves para establecer o dispositivo de atención ante o que poida suceder cos lumes pedindo colaboración cidadá “ante calquera sospeita”.

“Moita precaución, moita atención, sentido común e chamar ante calquera indicio ao 092 de forma inmediata”, apuntou o rexedor, logo da reunión do comité asesor do Plan de Emerxencia Municipal de Vigo. Dirixido polo alcalde, convocou aos tenentes de Alcaldía de Fomento e Urbanismo, a concelleira de Seguridade, os concelleiros de Parques e Xardíns, Medio Ambiente e Política Social; o Intendente da Policía Local, o xefe do servizo de bombeiros así como os xefes da área de Seguridade e Servizos Centrais e a secretaria da Administración Municipal. Tamén asistiron representantes de Aqualia, FCC e Vitrasa.
O Comité do Plan de Emerxencia Municipal acordou continuar coa patrullaxe preventiva e disuasoria que vén facendo a Policía Local e manter a vixilancia con drons por toda a cidade. Esta é a situación que o Concello estableceu desde hai 25 días e pola que tódolos servizos municipais están atentos ao que poida suceder dada a climatoloxía e os incendios forestais. “Máxima atención, máxima vixilancia e máxima prevención”, explicou o alcalde. “Temos que estar con capacidade de reacción en dous minutos. Poder reaccionar en canto recibamos o primeiro aviso. Os medios propios permítennos actuar con eficiencia na cidade e atender as emerxencias con prontitude e axilidade total”.
Amais, Caballero pediu a colaboración cidadá ante calquera situación ou actitude sospeitosa chamando ao 092 ou á Policía Local. O Comité reunirase cada día para valorar a situación diaria e todos os membros do comité e do ámbito de seguridade estarán localizables as 24 horas do día
Medios dispoñibles
O Concello conta con 108 bombeiros do servizo de prevención, extinción de incendios e salvamento dos que 56 efectivos están dispoñibles de forma inmediata e, no caso de que fose necesario, podería incorporarse o persoal de descanso. O Corpo de Bombeiros conta con 9 vehículos con grupo de bomba, 4 vehículos de rescate salvamento en altura, 1 vehículo de apeos, un Vehículo furgón de salvamentos varios con guindastre, 1 Vehículo furgón acuático e un grupo electróxeno e motobomba.
Tal e como explicou o rexedor, os bombeiros acudirán, se é preciso, a outras localidades, tal e como aconteceu a semana pasada cando estiveron colaborando na extinción dos lumes en Muxía, na Costa da Morte, e en Salceda de Caselas, ou este martes cando interviñeron en Verín e Vilardevós e onte no Concello de Oímbra, tamén na provincia de Ourense, a onde se desprazou un vehículo forestal pesado, con bomba de auga de 4,5 toneladas, e 5 efectivos: mando, condutor e 3 bombeiros.
En canto á Policía Local, Caballero explicou que conta con 333 efectivos, 99 en cada quenda e capacidade inmediata de incorporar máis efectivos. O Monte dos Pozos é o punto de despregamento da ampla vixilancia con drons que están acometendo estas semanas. Desde o 1 de xullo ata hoxe 14 de agosto realizáronse xa 201 actuacións de prevención en zonas forestais
Adicionalmente, a empresa FCC proporciona grandes cisternas de auga para reforzar o servizo de bombeiros se fose preciso. A empresa concesionaria de parques e xardíns conta con 110 traballadores para atender os parques forestais e os espazos verdes urbanos: A Guía, A Madroa, Beade, Bembrive, Cepudo Valladares, Coruxo, Pozos Valladares, Saiáns, San Andrés de Comesaña, San Miguel de Oia, Vixiador, Candeán, Zamáns. Amais, Vitrasa está involucrada nesta cuestión para o que sexa necesario, como nos incendios de 2017 que permitiu desaloxar, por exemplo, a residencia de estudantes da universidade.