Escoitar

Caballero chama á “colaboración cidadá” para extremar a precaución ante os incendios

Os bombeiros de Vigo traballaron onte martes na extinción dos lumes na provincia de Ourense, nos concellos de Verín e Vilardevós, mentres o Concello mantén “permanentemente” o dispositivo de vixilancia na cidade.

mércores, 13 ago 2025

Abel Caballero informou este mércores da participación dos bombeiros municipais na extinción do lume na provincia de Ourense. Foro requiridos de urxencia para colaborar en Verín e, dadas as necesidades xurdidas pola evolución dos incendios estiveron traballando no Concello de Verín, Salgueira e Santa Comba, no Concello de Vilardevós.

O Goberno de Vigo desprazou 5 efectivos - un mando, un condutor e tres bombeiros- cunha bomba forestal pesada con 4,5 toneladas de auga. “Estamos sempre dispoñibles para cooperar con instrumental e cunha bomba de auga 4x4 excepcional”, sinalou, destacando a “efectividade” do equipo de bombeiros vigueses.

Amais, o alcalde explicou que o Concello ten activo “permanentemente” o dispositivo de vixilancia para garantir a protección da contorna natural da cidade, que realiza a Policía Local.

Realizan a patrullaxe preventiva e disuasoria con percorridos diarios polas sendas e pistas forestais; vixilancia con drons que permiten dar apoio estratéxico ao dispositivo terrestre; vixilancia visual en puntos estratéxicos; detección de actividades de risco ou de condutas sospeitosas e in informe diario coas observacións, amais de pedir a colaboración cidadá.

“Estamos atentos, pido moita cautela porque estamos nun momento de lumes coa temperatura moi alta en toda España. Temos que tratar que Vigo quede fóra disto, por iso pido colaboración cidadá, coidado, moita atención e precaución para conseguir que en Vigo non haxa incendios”, reclamou o rexedor.

Descargar todas as imaxes