O musical “La Bella y la Bestia” chega esta tarde a Castrelos
Abel Caballero sinalou que “quedan unhas pouquiñas reservas” para gozar dende a platea das actuacións de UB40 feat. Ali Campbell e de India Martínez.

O alcalde recordou este martes que a “adaptación do popular conto francés” poderá verse ás 20:00 horas no Auditorio ao aire libre de Castrelos, con acceso de balde ata completar aforo. “La Bella y la Bestia” chega cunha representación realizada por Barbarie Teatro Musical e está dirixida a todos os públicos, cunha duración de 100 minutos.
Trátase dunha adaptación do conto popular francés, no que un príncipe, malia ter todo o que desexaba, era egoísta e consentido. Unha noite, unha bruxa lanzoulle un maleficio e como castigo, condenouno a ser unha besta. Só poderá librarse dese maleficio se conseguía namorarse dunha moza antes de que caia o último pétalo dunha rosa encantada.
Concertos de Castrelos
Abel Caballero sinalou que “quedan unhas pouquiñas reservas” para gozar dende a platea das dúas actuacións que chegarán esta semana ao Auditorio de Castrelos, que se poden adquirir a través da web municipal. A actuación de UB40 feat. Ali Campbell, será o venres, e o de India Martínez, o sábado.