A Casa das Artes mellora para acoller a mostra permanente de artistas galegos
O Goberno municipal adxudicou este venres as obras de mellora do espazo expositivo da primeira planta da Casa das Artes para acoller a exposición permanente de obras de artistas galegos.

Abel Caballero explicou hoxe que o Concello avanza no desenvolvemento cultural de Vigo coa transformación da primeira planta da Casa das Artes en espazo expositivo permanente para acoller as creacións plásticas de artistas galegos. As obras, que se realizarán ao longo de tres meses, contarán cun investimento de preto de 200.000 euros.
O alcalde destacou o alcance da actuación co fin de que a cidadanía teña acceso á colección máis importante de arte galega, que é propiedade do Concello de Vigo. As melloras programadas dotarán á sala de exposicións dun sistema de renovación de aire para controlar o grao de humidade coa finalidade de garantir a perfecta conservación das obras de arte.