Escoitar

Vigo aproba a prórroga do servizo do albergue municipal

A Xunta de Goberno deu luz verde á prorroga contemplada no contrato de servizos do Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social cun importe de 1.028.108 euros. Tamén o goberno local aprobou o convenio de colaboración coa Asociación Misión del Silencio cun importe de 84.000 euros para o comedor social. “A máis importante política social de España está en Vigo”, declarou o alcalde.

venres, 20 xuñ 2025

O alcalde deu conta da prórroga do contrato do servizo do albergue municipal, “onde as persoas sen recursos dormen, teñen un teito para estar a cuberto e un lugar onde estar”. Os próximos 12 meses o custe do servizo será de 1.028.000 euros.

O alcalde explicou que no centro traballan 25 persoas, e que ademais dos servizos xa coñecidos hai unha nova oficina de axuda á vivenda. Caballero tamén lembrou que proximamente se acometerá a reforma da cuberta cun importe de 200.000 euros.

“Somos a única cidade de Galicia con albergue municipal, competencia da Xunta de Galicia. Os grupos da oposición critican a nosa política social en Vigo pero nas cidades onde gobernan non teñen un albergue pagado integramente polo Concello como si o temos en Vigo”, concluíu Caballero.

Comedores sociais

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde á subvención á Asociación Misión do Silencio para o seu comedor social. O importe é de 84.000 euros. Caballero lembrou a atención do goberno local aos comedores da cidade, con subvencións tamén ao Banco de Alimentos, Hogar San José, Vida Digna, AFAN e Fundación Santa Cruz, amais do comedor do albergue.

“Atendemos todos os comedores sociais de Vigo e seguiremos atendendo e recoñecendo o seu traballo e función e contan co financiamento do Concello. A mellor política social de España”, afirmou o alcalde.

Descargar todas as imaxes