A humanización de Clara Campoamor comezará despois do verán
O alcalde deu conta este mércores do avance en varios proxectos de obras municipais, como o inicio da humanización de 300 rúas da cidade por importe de 26 millóns de euros.

O Concello iniciará despois do verán a humanización da Avenida Clara Campoamor, entre Ramiro Pascual e o Hospital Álvaro Cunqueiro, cun investimento de 1.233.000 euros. Será unha “senda peonil para chegar en condicións ao hospital”, explicou o rexedor, apelando á competencia da Xunta de Galicia que “tiña que facer a obra, pero non quere nin o vai facer, polo que o faremos nós”.
A actuación supoñerá a renovación da calzada e a instalación de beirarrúas, a renovación das redes de servizos, unha nova rede de drenaxe, saneamento, abastecemento de auga e iluminación pública led.
Amais, o Concello ten iniciado xa o proxecto para acometer obras de humanización, asfaltados e beirarrúas en 300 rúas de toda a cidade, tanto no centro como nas parroquias, cun investimento total de 26 millóns de euros.