Escoitar

O Pleno reclama á Xunta de Galicia a cesión da Parcela 5 do Álvaro Cunqueiro para habilitar un novo aparcadoiro gratuíto

A Corporación Municipal tamén respaldou instar á Xunta de Galicia a desbloquear as actuacións que ten pendentes na cidade de Vigo.

luns, 28 abr 2025

O Grupo Municipal Socialista levou ao Pleno Ordinario do Concello do mes de abril a reclamación á Xunta de Galicia de decretar a gratuidade dos aparcamentos do Hospital Alvaro Cunqueiro, da mesma forma que é gratuíto o aparcamento construído polo Concello. Nesa mesma moción instase ao ente autonómico á cesión ao Concello de Vigo, de forma de balde ou por adquisición, da Parcela 5 do Complexo Hospitalario ao obxecto de construír un novo aparcamento para utilización gratuíta polos traballadores e usuarios.

Carlos López Font indicou que “foi o Concello, como sempre, a única administración que puxo ao dispor dos usuarios un aparcadoiro de balde de 400 prazas” e explicou que “ante a insuficiencia de espazo para poder ampliar este aparcadoiro, reclamamos a cesión dunha parcela do Hospital Alvaro Cunqueiro para ampliar as prazas gratuítas”. A moción foi aprobada con 20 votos favorables (PSdeG e BNG) e o único voto contrario do Partido Popular

Actuacións pendentes da Xunta

O Pleno da Corporación Municipal tamén aprobou instar á Xunta de Galicia a desbloquear de inmediato todas as actuacións que ten pendentes na cidade de Vigo.

O portavoz do goberno sinalou que “a falta de investimentos da Xunta, durante os xa 16 anos de goberno do PP en Galicia, primeiro con Núñez Feijoo e agora con Alfonso Rueda, únense actualmente a absoluta paralización, por parte do goberno galego, de actuacións propostas por este Concello, comunicadas por escrito e documentadas sen que se avanzase absolutamente nada”. Esta moción aprobouse cos votos favorables dos concelleiros do Grupo Municipal Socialista, a abstención do Bloque Nacionalista Galego e o voto contrario do Partido Popular.

 

Descargar todas as imaxes