O goberno local prevé aprobar o novo PXOM antes da Semana Santa
Caballero mantivo unha xuntanza co equipo redactor que confirmou ao Concello a disposición de aprobar o documento urbanístico de xeito definitivo. “Vivenda e vivenda protexida para dar resposta aos máis de 5.000 demandantes, zonas verdes e novos espazos dotacionais”. O PXOM aprobarase no Pleno a mediados do mes de abril.

Luz verde ao novo PXOM de Vigo. O alcalde reuniuse co equipo de redacción e técnicos municipais que confirmaron que o Concello está en disposición de aprobar de xeito definitivo o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Abel Caballero explicou que o documento sae adiante con todos os informes favorables de todos os organismos implicados. “É un plan cunha enorme fortaleza xurídica”, manifestou.
Antes da Semana Santa é o prazo que calcula o Concello para que o PXOM pase polo Pleno e que contará, como mínimo, cos votos favorables do goberno local. “Garantimos a súa aprobación. Xa veremos que fan o PP e o BNG”, cuestionou.
Abel Caballero explicou que o novo PXOM contempla 51.467 vivendas, das cales 14.500 serán de protección oficial. “Vigo ten máis de 5.000 demandantes de vivenda pública e este plan dálles resposta. Amais, con máis vivenda o prezo será razoable”. Por outra banda, o rexedor puxo de manifesto que a cidade “máis que duplica” as zonas verdes actuais e os espazos dotacionais. “Queremos máis áreas verdes, que non as temos pola historia da especulación, e necesitamos campos de fútbol, pavillóns, lugares cívicos, escolas de música... Somos un Concello saneado nas súas contas e podemos facelo con este plan”, concluíu.