O aeroporto de Vigo pecha 2024 superando o millón de pasaxeiros
Abel Caballero celebrou o dato e lembrou que o aeroporto de Vigo estivo pechado no mes de maio pola remodelación da pista. Os datos de decembro amosan unha suba do 8% con respecto ao mesmo mes do ano anterior.
O aeroporto de Vigo rexistrou 1.058.529 pasaxeiros no ano 2024. O alcalde deu conta dos datos de AENA e celebrou superar o millón de pasaxeiros. Tamén lembrou que esta cifra chega co aeroporto pechado no mes de maio pola remodelación da pista.
“Os voos funcionan e o aeroporto de Vigo funciona. A actividade turística é impulsora deste gran nivel de utilización”, afirmou. Caballero manifestou que a terminal viguesa foi a que máis medrou no mes de decembro dos aeroportos galegos, e que o dato do último mes do ano supón case un 8% máis de pasaxeiros con respecto ao ano 2023.
O aeroporto de Vigo pechou o ano 2024 e iniciou o ano 2025 con 7 rutas anuais: Madrid, Barcelona, Gran Canaria, Tenerife, Londres, Palma de Mallorca e Valencia. Madrid é a ruta máis frecuentada, un 63% do total de pasaxeiros no mes de decembro.