O Concello dispoñerá dúas pantallas para seguir en directo o acendido das luces de Nadal
O alcalde deu conta este martes dos detalles do Plan de Autoprotección que garantirá a seguridade do acto de acendido da iluminación de Nadal da cidade, que se celebra este sábado ás 8 da tarde. Haberá unha pantalla con emisión en directo do acto no Farol de Urzáiz e outra en Policarpo Sanz
“Este sábado 16, ás 8 da tarde, acendemos as luces do Nadal de Vigo”, lembrou o rexedor, antes de dar conta dos detalles do Plan de Autoprotección que establece medidas de seguridade e de mobilidade para o correcto desenvolvemento do acto.
Tal e como explicou, o acendido das luces na Porta do Sol ten un aforo limitado de 7.000 persoas polo que se establecerá un control nos accesos. Amais haberá pantallas para seguir en directo a celebración do evento en Policarpo Sanz e no Farol de Urzáiz para tódalas persoas que non poidan estar na Porta do Sol.
Para facilitar a mobilidade nas rúas do centro, o goberno municipal recomenda evitar o uso do vehículo privado e acceder ás proximidades das rúas cortadas a pé ou no autobús urbano.
Unha das principais medidas para o regulamento do tráfico rodado é a activación dun perímetro de acceso restrinxido a vehículos na zona central do Nadal, desde as 17:00 horas e ata as 23 horas. A zona delimitada pode consultarse na web municipal.
Nas zonas restrinxidas pola celebración do evento non estará permitido o estacionamento de motos nin coches e o tráfico estará cortado en varias rúas: Doutor Cadaval, Reconquista, Policarpo Sanz, García Barbón, entre Colón e República Arxentina; Colón e Urzáiz, entre Colón e Lepanto. O Concello recomenda varios desvíos de tráfico para axilizar a circulación e modificou varias paradas do transporte urbano dentro do perímetro de acceso restrinxido para “dar maior facilidade a quen use o autobús”.
No referente aos puntos de emerxencia, Caballero explicou que o punto de socorro e de encontro de nenos e obxectos perdidos estará situado en Porta do Sol 13, mentres o posto de mando avanzado do Plan de Autoprotección estará na Casa Galega da Cultura e as ambulancias de servizo durante o evento estarán na rúa Reconquista, Praza Doutor Cadaval, Paseo de Alfonso XII e no cruzamento da rúa Colón con Uruguay.